Agora

Daniel Pérez, Bruno López, Evencio Ferrero e Sheila Ferreiro, na presentación. (Foto: Concello de Carballo).
Agora

Carballo recibe a Final Galega a 4 de balonmán

As últimas prazas que dan dereito a disputar a fase de ascenso á categoría estatal de balonmán decidiranse en Carballo. Tanto mañá sábado como o domingo, 21 de abril, o Pavillón Vila de Noia acollerá unhas finais sénior a 4 que abrirán os homes ás 10.30 horas desta sexta feira cunha semifinal entre Magope Seis do Nadal e SAR Plastic Omnium, saíndo o outro finalista do choque O Grove Paraíso Rasoeiro-Mecalia Atlético Guardés. Xa pola tarde será a quenda das mulleres, enfrontándose Tapería Dos Chata Balonmán Cangas e a Asociación Deportiva Carballal ás 16 horas e o local Calvo Xiria co Lavadores de Vigo ás 18. Para o domingo será tempo dos partidos polo terceiro e o cuarto posto -10.30 masculino e 12.30 feminino-, ficando a finalísima dos rapaces ás 16.30 horas e a das rapazas ás 18.30.
 
Cetáceos na costa galega (Foto: CEMMA).
Agora

Cetmar e USC estudan para reducir capturas non desexadas

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballan nunha investigación europea, xunto a máis dunha ducia de institucións de cinco países, para reducir a captura incidental (non desexada) de megafauna mariña ameazada. Esta acción interdisciplinar busca proporcionar coñecementos prácticos que permitan mellorar os sistemas de observación, protexer a biodiversidade mariña e promover prácticas pesqueiras máis responsábeis. Coordinado pola Universidade de Barcelona, o proxecto comezou en xaneiro de 2024 a súa actividade e prolongaranse até decembro de 2027. Está financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa.
Ameixa intervida (Foto: Garda Civil).
Agora

Interveñen no Grove un camión portugués con 1.674 quilos de ameixa xapónica sen documentación

A Garda Civil do Grove (O Salnés) interveu na PO-316 un camión portugués con 1.674 quilogramos de ameixa xapónica sen documentación. Segundo informaron, os feitos sucederon o pasado domingo cando comprobaron que a carga dun camión isotermo era unha gran cantidade de sacos deste bivalvo. Ao requirirlle ao condutor a documentación para o transporte manifestou que carecía dela, que a trae desde Portugal e o destino era unha depuradora do Salnés. A patrulla púxose en contacto coa confraría de pescadores do Grove e procederon a trasladar o camión á lonxa para a pesada dos sacos. Así, tratábase de 93 sacos de ameixa xapónica, algunha delas non regulamentaria por non dar a talla, cun peso total de 1.674 quilogramos.
Mercado baleiro en Artsakh tras fuxir a maioría da poboación. (Foto: Marut Vanyan / DPA vía Europa Press)
Agora

Rusia confirma a retirada dos 2.000 soldados do continxente de paz despregado en Artsakh desde 2020

O voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, indicou a cuarta feira que as arredor de 2.000 tropas rusas que integran o continxente de paz despregado en Artsakh desde a fin do conflito bélico con Acerbaixán de 2020 iniciaron a súa retirada da zona tras a disolución da república autoproclamada homónima, logo da fuxida de máis de 100.000 persoas armenias a raíz dun ataque de Acerbaixán contra o territorio en setembro de 2023.

O evento será en Vigo. (Foto: Keltoi).
Agora

O prestixioso torneo 'Feile' de fútbol gaélico chegará á Galiza

O Feile, a competición infantil de fútbol gaélico máis importante do que nese deporte se coñece como 'Rexión Europa' -que abrangue a todo o continente agás as illas de Irlanda e a Gran Bretaña- chegará á Galiza, e máis concretamente a Vigo. A sede escollida foi o Colexio Montecastelo da cidade olívica, e a data o sábado 27 de abril. Até alí viaxarán 11 equipos procedentes, ademais da Galiza, de Francia, Bélxica, Alemaña, Luxemburgo, Países Baixos e Suíza. Con respecto aos boletos, o Keltoi, responsábel da organización, confirmou que o acceso será de balde para todas aquelas persoas interesadas en asistir, e que os partidos desenvolveranse entre as 9.45 e as 18 horas.
As Sereas Bravas (na imaxe) coliden con dous equipos madrileños. (Foto: Sereas Bravas).
Agora

O mellor do roller derby rétase en Vigo

A cidade olívica torna o próximo sábado, 20 de abril, na capital estatal do Roller derby co gallo da disputa da Segunda División do Campionato da ARDE (Asociación Roller Derby de España). Alí, concretamente no Pavillón Monte da Mina, entrarán en xogo as locais das Sereas Bravas e as coruñesas das Brigantias -que saíron vitoriosas do derbi da última data- nunha intensísima xornada que as levará a xogar até dous partidos. En primeiro lugar, As Brigantias colidirán ás 12 horas co Roller Derby Madrid 'B', un choque que dará paso, xa ás 14 horas, ao debut das Sereas Bravas fronte outra formación da capital do Estado, Black Thunders. Pola tarde (16 horas), as xogadoras coruñesas volverán saltar ao parqué da Mina para enfrontarse ás Black Thunders, baixando o pano o Sereas-Madrid 'B' ás 18.
(Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo).
Agora

A Carreira de Montaña de Viveiro regresa este sábado para homenaxear Ramón Blanco

A Carreira de Montaña polos Montes de Viveiro-Gran Premio Xacobeo, máis coñecida polo seu acrónimo Camovi,  regresa esta fin de semana -concretamente o sábado 20 e o domingo 21 de abril- para alcanzar a súa edición número 13, que segundo datos oficiais contará con, canto menos, 900 deportistas inscritas nas distintas modalidades que ofrece o certame.  Neste ano 2024 os percorridos argallados pola organización foron de 42, 21 e 10 quilómetros no plano individual; unha carreira de remudas de 42 quilómetros; a clásica andaina e unha proba denominada 'Camovi Kids', que ten como obxectivo fomentar o deporte entre os nenos e nenas. Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo -entidade que colabora coa organización-, destacou no acto de presentación, que tivo lugar na sede da Delegación Territorial da Xunta, a "variedade de modalidades" e a "esixencia física" desta Camovi de 2024. O evento servirá, a maiores, para homenaxear o desaparecido alpinista ourolense Ramón Blanco, que faleceu o pasado mes de agosto aos 90 anos de idade. Emigrado en Venezuela e habitual da Camovi -a derradeira vez que participou foi en 2018, cando completou os 42 quilómetros a pesar da súa avanzada idade-, o seu nome saltou aos titulares de prensa en 1993, cando foi quen de coroar o Everest.
 
A presidenta do Executivo da UE, Ursula von der Leyen, este mes. (Foto: Jessica Lichetzki / DPA vía Europa Press)
Agora

Renuncia o correlixionario de von der Leyen, acusada de favoritismo, contratado pola UE

Medios internacionais confirmaron a terza feira que Markus Pieper, eurodeputado da Unión Demócrata Cristiá alemá (CDU), renunciou como enviado especial da Unión Europea (UE) para as pemes horas antes da que sería a súa primeira xornada laboral no posto. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen (CDU), foi acusada de favoritismo na súa contratación, cuestionada por varios comisarios e polo Parlamento da UE.

A simbólica cerimonia tivo lugar diante do templo da deusa Hera. (Foto: COI).
Agora

Grecia acende o facho olímpico, que chegará á capital francesa o 26 de xullo

O facho olímpico dos Xogos de París 2024 acendeuse onte nunha cerimonia na cidade grega de Olimpia, o lugar de nacemento do evento, iniciando así a súa viaxe cara á capital francesa, onde chegará o 26 de xullo. Durante un ritual que une os modernos Xogos Olímpicos coas súas antigas orixes, o facho foi acendido diante das ruínas do templo da deusa Hera, desde onde foi trasladado á embaixada francesa en Atenas para despois subir a bordo do Belem -un famoso barco de tres mastros botado en 1896-, que o trasladará até Marsella, cidade gala na que atracará 0 8 de maio. Entón iniciará unha peregrinación de 68 días por territorio francés, concluíndo o antedito 26 de xullo, cando alimentará o pebetero co seu lume.
 
Xevi Pons e Rodrigo Sanjuán, no Rally da Auga 2022, pilotando un Škoda Fabia Rally2 evo (Foto: RFEA).
Agora

O XXXVI Rally de Narón terá lugar entre o 24 e o 25 de maio

O Rally de Narón regresará o próximo mes de maio para levar a cabo a súa edición número 36. O veterano certame automobilístico, que se disputa desde 1988 -coa única interrupción de 2020 a causa da pandemia da Covid- formará parte, ao igual que o ano pasado, da Copa de España de Rallys de Asfalto e, ao mesmo tempo, tamén será puntuábel para o primeiro 'Trofeo Tracción Traseira Fam-53'. Esta nova cita da competición naronesa terá lugar ao longo dos días 24 e 25 de maio, tal e como se indicou nun acto de presentación no que estiveron presentes, entre outros cargos e autoridades vinculadas á organización, Antonio Sueiras (presidente da Escudería Siroco) e a alcaldesa Marián Ferreiro. Segundo explicaron, o percorrido constará dun total de 400 quilómetros, e decorrerá, ademais de por Narón, polos concellos veciños de San Sadurniño, As Somozas, Moeche e Cerdido.

 

IES Luís Seoane de Monte Porreiro, Pontevedra (Foto: Nós Diario).
Agora

Alumnado e profesorado do Luís Seoane de Pontevedra organizan a Feira da Sostibilidade

Esta quinta feira dará comezo a segunda edición da Feira da Sostibilidade organizada polo colectivo de alumnado e profesorado Eco-Étika e que decorrerá no IES Luís Seoane, en Pontevedra, durante os días 18, 19 e 22 de abril. O colectivo Eko-Étika desenvolveu o curso pasado unha primeira edición da Feira da Sostibilidade -galardoada co premio á Innovación Educativa da Xunta da Galiza-, a cal se converteu no primeiro espazo de encontro na Galiza que une comunidades educativas, institucións, asociacións ou comercios de proximidade nun mesmo espazo coa intención de tecer redes asociativas críticas e activas para traballar de forma conxunta por construír unha sociedade sostíbel.
Néstor Rego, no centro, en Lugo acompañado de cargos do BNG (Foto: Nós Diario).
Agora

O BNG alerta en Lugo do "abandono" da rede viaria estatal

O BNG iniciou unha campaña para reclamar o arranxo das estradas de titularidade estatal baixo o rótulo 'Arranxo xa das nosas estradas', ao considerar que son infraestruturas esenciais e estratéxicas para o desenvolvemento social e económico da comarca de Lugo e as veciñas. "A situación actual de abandono de estradas e autovías como a A-6 ou as N-VI, N-540, N-640 e N-120 pon en perigo a seguranza das persoas que transitan por elas de forma diaria", denunciou a formación. Tamén coa presenza do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, cargos institucionais e orgánicos do BNG e militantes da organización presentaron esta nova campaña baseada na realización de actos e na recollida de sinaturas e que procura o apoio veciñal ante o "abandono das infraestruturas viarias".
Hospital Lucus Augusti de Lugo (Foto: Wikipedia).
Agora

Un home falece no hospital tras caer por un terraplén o domingo

Un home de 92 anos faleceu na madrugada desta terza feira no Hospital Lucus Augusti de Lugo como consecuencia das feridas sufridas o pasado domingo tras caer por un terraplén na Fonsagrada (comarca homónima). O home atopábase hospitalizado desde a tarde do domingo, cando foi rescatado polos servizos de emerxencia do lugar polo que caeu cando camiñaba pola parroquia de San Pedro de Maderne. O ancián dirixíase a unhas colmeas da súa propiedade cando esvarou e se precipitou por un barranco. Durante a caída, sufriu varias contusións que requiriron o seu traslado ao hospital, onde faleceu.

Un hidroavión (Imaxe: César Arxina / Europa Press).
Agora

Un incendio na Paradanta deixa xa 50 hectáreas afectadas polo lume

Un incendio forestal declarado na tarde desta segunda feira e que permanece activo en Crecente (A Paradanta) supera xa as 50 hectáreas afectadas, segundo o último balance ofrecido pola Consellaría do Medio Rural. O lume iniciouse minutos antes das 20 horas da segunda feira en tres puntos distintos da parroquia de Angudes, o que apunta a que podería ser intencionado. Á primeira hora da mañá desta terza feira continúa activo, aínda que Medio Rural sinala que a evolución é favorábel e espera dalo por estabilizado (paso previo ao seu control). Na zona traballaron até o momento un técnico, 11 axentes, 21 brigadas, seis motobombas, dúas pas, dous avións e dous helicópteros.

Pazos-Justo, Pena, Ferreira, Constenla e Torres, esta segunda feira. (Foto: aRi[t]mar)
Agora

A Gala aRi[t]mar recala o sábado na Cámara Municipal de Braga

Este sábado, 20 de abril, o auditorio Espaço Vita de Braga vivirá unha reedición da gala aRi[t]mar 2023. A gala servirá de feche ao Congreso Internacional de Estudos Galegos, que reunirá nesta cidade portuguesa estudosos e estudosas de todo o mundo. A organización destacou a importancia da colaboración entre as entidades pertencentes á Rede da Galilusofonía na realización desta gala, así como a natureza expansiva da iniciativa aRi[t]mar, que naceu como un proxecto "intramuros" da Escola Oficial de Idiomas de Compostela, gañando popularidade até chegar a todo o territorio galego e a Portugal. 
 
Manifestación contra Donald Trump fronte ao xulgado, a segunda feira. (Foto: Gina M Randazzo / ZUMA Press Wire / DPA)
Agora

Donald Trump incide en que é vítima dunha "persecución política" na apertura do primeiro xuízo penal contra un ex presidente dos EUA

O primeiro xuízo penal contra un ex mandatario estadounidense deu inicio a segunda feira en Nova York con Donald Trump como acusado por 34 cargos de falsificación documental, nunha trama na que tería pagado 120.000 euros a unha actriz e directora de cine pornográfico para que ocultase unha presunta relación fóra do matrimonio. Trump, candidato republicano nas presidenciais de novembro, cualificouno como unha “persecución política”.
O podio feminino: Irene (dereita), Merche (esquerda) e Chus. (Foto: FGDA).
Agora

Bonxe faise coa vitoria na Liga Atlántica de Billarda

A Conferencia Noroeste da Liga Atlántica de Billarda levou a cabo a súa xornada número 14 no lugar de Vista Alegre, Soandres (A Laracha). Alí, e baixo un sol de xustiza, emerxeu como gran triunfador un palanador chegado desde a Terra Chá, Bonxe (Río Miño-Castro de Rei), quen inscribiu por vez primeira o seu nome na listaxe de gañadores, sendo acompañado no podio da categoría individual absoluta por Abel Regueiro (Cochiqueiros de Cerceda) e Eladio (Campo da Feira-Paiosaco). No referente á absoluta, impúxose Irene (Cochiqueiros), escoltada no caixón por Merche (APB A Laracha) e Chus, tamén de Cochiqueiros, mentres que na infantil o mellor foi o sempre seguro Valentín (Filloas de Sangue da Coruña), que a piques estivo de dar a sorpresa na absoluta.
 
José María Fonseca e Roberto Verino. (Foto: Terras Gauda)
Agora

Terras Gauda adquire 25% de Bodegas Gargalo, propiedade de Roberto Verino

O grupo Terras Gauda e Bodegas Gargalo (presidida por Roberto Verino) asinaron esta segunda feira unha "alianza estratéxica", que se plasma na entrada do primeiro no capital social de Gargalo, coa adquisición dun 25%, e coa incorporación dos seus viños á oferta que xa ten Terras Gauda. O presidente de Terras Gauda, José María Fonseca, e o de Bodegas Gargalo, Roberto Verino, destacaron os obxectivos comúns: "singularidade e excelencia".
Queima forestal (Foto: Europa Press).
Agora

Prohibidas as queimas agrícolas e forestais de particulares até novo aviso

A Xunta da Galiza prohibiu as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares a partir desta segunda feira e até novo aviso, o que implica que non se darán máis permisos e que os xa concedidos quedarán en suspenso. Segundo informou o Executivo galego, quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o servizo de prevención en defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispondo dos medios de extinción precisos. A decisión tomárona tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de incendio. Tamén, detallou a Xunta, tendo en conta que a normativa prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control. A Consellaría do Medio Rural solicitou a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teñan coñecemento.

Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza (Foto: Nós Diario).
Agora

Falece un home tras saírse da estrada en Santa Comba

Un home de 81 anos perdeu a vida tras saírse da vía co seu vehículo na estrada que conduce de San Cristovo a Grixoa, na parroquia de Mallón, en Santa Comba (Xallas). Segundo informou o 112, foi ao fío das 21.45 horas do sábado cando un particular alertou dos feitos e explicou que o coche quedara envorcado lateralmente e que o implicado non respondía á súa chamada. A central de emerxencias deu aviso a 061, Bombeiros de Santa Comba, Garda Civil e Protección Civil. Unha vez no punto, os bombeiros indicaron que a persoa, única ocupante do vehículo, estaba liberada e accesíbel. Con todo, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.