Toda a biografía intelectual e política de Manuel Murguía responde a unha profunda paixón por Galiza, a un compromiso permanente co seu país, á idea de construír unha nación. Galiza como preocupación, como tarefa, como proxecto de futuro, como soño necesario e posíbel. Hai un feito histórico que marcará para sempre a vida toda de Murguía: cando as tropas de Solís, tras a batalla de Cacheiras, se retiran polas rúas de Compostela cara a San Martiño Pinario, o portal da casa e a botica do pai de Murguía convértense de súpeto nun improvisado hospital para socorrer a un daqueles mozos rebeldes que acaba de ser ferido de morte.