Unha bóla de luz iluminou o ceo da Galiza de madrugada

Numerosas persoas puideron observar esta madrugada como, sobre as 01.00 horas, unha bóla de luz iluminaba o ceo da Galiza e doutras zonas de Portugal e do Estado español. Varios particulares chamaron ao 112 Galiza para notificar que viran "unha gran bóla incandescente en movemento que iluminou o ceo de cor verdoso ou avermellado" e que, finalmente, "desfíxose en anacos". De feito, moitos deles referíronse ao que acababan de contemplar como un bólido ou meteorito. As chamadas chegaron desde diferentes lugares da xeografía galega como nos municipios do Porriño ou Redondela, na comarca viguesa, O Saviñao (Terra de lemos) ou A Rúa (Valdeorras). Tamén foi visto na capital, Santiago de Compostela. Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da Galiza (CIAE-112), a Axencia Estatal de Meteoroloxía explicou que se tratou “dun fenómeno atmosférico pouco frecuente, moi luminoso e que se desintegrou ao entrar en contacto coa atmosfera".

O fenómeno que se observou esta madrugada (Captura de video de Asismet).
photo_camera O fenómeno que se observou esta madrugada (Captura de video de Asismet).
Comentarios