Erguer levántase contra os prezos das cafetarías

Erguer. Estudantes da Galiza denunciou esta quinta feira en Compostela que "os prezos das cafetarías universitarias, reguladas pola Xerencia [da universidade], veñen de sufrir unha fortísima suba". Segundo sinalaron, "o prezo do menú do día subiu a 7,5 euros desde os 6 euros do ano 2021", o que supón un aumento de 25%. "Mais tamén sabedes ben que isto non é un feito illado: o aluguer medio de Compostela, por exemplo, aumentou 41% só desde 2017, e sempre pagamos nós, as estudantes", proseguiron. "Temos non só a responsabilidade, senón tamén a necesidade de alzarmos a voz, mobilizarnos e organizarnos", reivindicou a organización. Ademais, o colectivo demandou "unha universidade democrática e popular, onde a restauración universitaria non só sexa máis accesíbel, senón un dereito de todos e todas as estudantes".
Protesta de Erguer. Estudantes da Galiza, esta quinta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Protesta de Erguer. Estudantes da Galiza, esta quinta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
Comentarios