“No principio foi o verso” pescuda na memoria de Rosalía

“No principio foi o verso: Rosalía de Castro” mostra a través de obxectos, imaxes e documentos a vida e obra da poeta arredor do Vigo no que se publicou hai 150 anos Cantares Gallegos. A exposición, comisariada por Pepe Barro, estará aberta ate o 15 de agosto en Vigo. 

Pepe Barro nan inauguración da mostra
photo_camera Pepe Barro nan inauguración da mostra

Na sede da Fundación Barrié de Vigo, a poucas rúas de onde se publicou por vez primeira hai 150 anos Cantares Gallegos, a exposición “No principio foi o verso: Rosalía de Castro” ideada por Pepe Barro e promovida pola  Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia

Galega, a Fundación Barrié e a Universidade de Vigo co patrocinio da
Xunta o Concello de Vigo, dá conta da vida e obra de Rosalía e descobre o Vigo no que hai 150 anos naceu o libro que se ía converter en abrente da nosa literatura contemporánea. 

Na imprenta de Juan Compañel, na Rúa Real, naceu en 1863 o libro que non só marcaría a nosa historia literaria senón que, cen anos despois, se ía converter na marca de nacencia do día máis sinalado da lingua e literatura galega, aquel 17 de maio que leva impreso e que Fernández del Riego escolleu para conmemorar o Día das Letras Galegas. 

O ambiente no que naceu e se publica o libro, as figuras que pairaron arredor del, desde o editor Juan Compañel, aos irmáns Alejandro e Eduardo Chao, ao mecenas José Ramón Fernández ou o propio Manuel Murguía acompañan neste percurso á verdadeira protagonista, á singular e extraordinaria autora Rosalía de Castro, da que se buscou a pouca pegada física que foi deixando. 

Pouca pegada porque de Rosalía, mália a súa poderosa presenza, a súa contemporáneidade e a súa relevancia, poucos sinais quedan. O esforzo de Pepe Barro e a equipa que elaborou a exposición por recompilar todos os obxectos, imaxes e documentos deixan á vista que non é Rosalía unha autora da que herdaramos todo aquilo que rodea tanto á vida como a construcción da obra.O esforzo de produción da mostra completa o imaxinario físico da autora, os obxectos que poden evocar a súa biografía. Da mesma maneira que aquela repetida imaxe familiar do casal formado por Rosalía e Murguía coa súa ampla descendencia ía ver como non prendería en novas xeracións, así as “cousas” que teñen a pegada directa da poeta son tamén escasas en exceso, o que se fai constar tamén na exposición ao pé, por exemplo, da única imaxe que se conserva da madurez. Na mostra recóllense documentos, fotografías, mobles ou obxectos ademais de audiovisuais que compoñen a máis ampla exposición arredor de Rosalía de Castro.

Comentarios