A abrir boca de cara ao Festival Internacional de Outono de Teatro

O FIOT Carballo 2014 presentou un deseño que reflicte a revisión dos grandes clásicos do teatro Século de Ouro e trasládaos a esta localidade galega.

Fiot

Fica menos para unha desas citas imprescindíbeis na axenda do teatro, o FIOT (Festival Internacional de Outono) que decorre en Carballo. Este ano, 23 edicións xa, centrarase na revivisión de textos de autores clásicos desde unha perspectiva contemporánea. Para abrir boca e apetito de teatro, presentouse o cartaz da mostra. O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, calificou o novo cartel como “fresco e innovador” e felicitou ao autor, Juan Félix Gende, polo seu traballo artístico e por captar o espírito da temática deste ano. A composición reflexa a relectura do teatro mostrando como unha personaxe contemporánea se desdobra nun cabaleiro con aspecto quixotesco a través da súa sombra.

Sueiro anunciou neste acto o regreso ao FIOT da compañía madrileña Yllana, que realizará a estrea en Galiza do seu último espectáculo, “Gagfather”, presentado esta mesma semana no Festival Internacional de Teatro, Música e Danza de San Javier, en Murcia.

A concelleira de Cultura de carballo, Mar Eirís, destacou pola súa parte o aspecto social do FIOT. Recordou que durante case un mes o teatro respírase en cada recanto da vila, pois ademais das representacións no Pazo da Cultura, o Festival Internacional de Teatro de Outono o conforman outras actividades como exposicións, a Rúa dos Contos ou o ciclo de teatro experimental Otni.

Eirís sinalou ademais a importancia que o FIOT ten na economía local, pois “é un elemento de dinamización económica e turística da zona”, ao que contribúen iniciativas como “Dalle un bocado ao FIOT”, que no 2013 encheu os locais hostaleiros da localidade. 

Comentarios