CONTRACULTURA

Alba Caneda, protagonista de 'Iphixenia na porta do súper': “Iphixenia crea rexeitamento porque ninguén se identifica cunha moza maleducada e agresiva”

Alba Caneda é unha nova promesa da interpretación saída das últimas promocións da Escola Superior de Arte Dramática da Galiza e a protagonista de Iphixenia na porta do súper, unha obra producida por Compañía Humana e inspirada no texto do galés Gary Owen, Iphigenia in Splott. A historia fai un paralelismo entre o sacrificio da Iphixenia do mito clásico de Eurípides e unha moza de barrio actual, sen recursos, e que sofre en primeira persoa as consecuencias da falta de profesionais na sanidade.  
Alba Caneda, actriz. (Foto: Compañía Humana)
photo_camera Alba Caneda, actriz. (Foto: Compañía Humana)

Como lle chegou a proposta para participar na obra?

Cando tiven que facer o meu traballo de fin de estudos buscaba un monólogo e atopei a adaptación do texto de Gary Owen ao español, a única que había, ambientada en Vallecas. Fran Peleteiro formaba parte do meu tribunal e gustáralle bastante, víralle moitas posibilidades ao texto, así que xunto con Antela Cid decidiu falar co autor do texto orixinal e solicitar os dereitos para a Galiza, facendo unha adaptación que agora estrea a compañía. Despois de ver a miña presentación, Fran decidiu falar comigo e eu estou moi agradecida por esta oportunidade. 

Cales foron as dificultades á hora de desenvolver esta personaxe? Porque está contando unha historia complicada, emocionalmente falando.

Utilicei parte do que xa tiña traballado para a versión que eu presentara, e para a que tivera que traballar moitísimo co fin de crear Iphixenia de cero, interiorizando as súas vivencias e levándoo a corporalidade. Esta cuestión si que fora bastante dura. Con todo, a maior parte desta Iphixenia está remodelada porque é un personaxe completamente diferente. Tiven que borrar esa idea que eu tiña interiorizada e que ocorría en Vallecas e movela aquí, a Galiza, e a verdade é que moitas veces é máis complicado que crealo desde cero. De feito, tiña medo de non ser quen de facer unha nova versión por todo o que supoñía, aínda que véndoo agora estou moi contenta co resultado e alégrome moitísimo de telo feito. 

Creo que gañou moito. Non deixa de ser unha historia que fai unha crítica aos recortes de sanidade, que agora mesmo están en auxe, mais é que concretamente onde eu vivo é un escándalo: non temos médico de cabeceira nin hai pediatras. 

Tamén é unha crítica aos estereotipos que temos de primeiras porque Iphixenia é un personaxe que, ao inicio, cae moi mal e crea rexeitamento. Ninguén se sente identificada con esa rapaza que é tan maleducada e agresiva. A medida que vai avanzando a obra, a xente vai empatizando moito con ela e chega a darse de conta de que os seres humanos temos moito en común entre nós. 

Ademais dos recortes, ela tamén experimenta unha situación amorosa que non sae ben e certas vivencias coas que calquera persoa se pode identificar. Tampouco quero contar moito máis aló porque se non acabo por desvelar toda a trama, mais como dicía é unha persoa coa que todo o mundo acaba empatizando dalgunha maneira cando 
remata a obra. 

Cales son esas características que fan que Iphixenia viva aquí e non no texto orixinal?

Ao final, a adaptación consiste en traer a historia dun contexto xeral que pode ser diferente, pero coa que a xente de aquí pode sentirse identificada. Por exemplo, co que comentaba antes dos recortes e das carencias da sanidade. En principio, podería parecer que Iphixenia é unha "quinqui" de barrio que pode pegar máis en Vallecas ou en zonas similares, mais aquí tamén temos rapazas e rapaces que viven así, que non teñen oportunidades de traballo, bótanse a rúa e a primeira impresión que nos chega deles é que son maleducados, como ocorre na obra. 

Para facer esta adaptación e que a xente a entendese como algo propio ou achegado, decidín coller un galego que non fose o estándar e normativo que escoitamos na televisión. Esta Iphixenia fala un galego das Rías Baixas: con gheada e seseo e con terminacións en -ín, como cantín ou bañín. Creo que isto fai que a xente empatice máis con ela, ou que quizais se sinta máis identificada: non se percibe como un galego culto ou formal, senón da rúa.  
 

Comentarios