A banda deseñada coa historia dos 9 miñoráns asasinados polo franquismo na Bombardeira, xa en papel

A novela gráfica ‘As 9 cruces’ realizada polo Garaxe Hermético xa foi visualizada e descargada nas redes sociais máis de 31.000 veces.

Ilustración —autoría de Miriam Iglesias— da capa do libro de banda deseñada 'As 9 cruces', editado pola Deputación de Pontevedra.
photo_camera Ilustración —autoría de Miriam Iglesias— da capa do libro de banda deseñada 'As 9 cruces', editado pola Deputación de Pontevedra.

A banda deseñada (BD) que recolle a historia dos nove miñoráns asasinados polo franquismo na Bombardeira (Baiona) xa está dispoñíbel en papel. O libro da novela gráfica As 9 cruces impulsada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e realizada polo Garaxe Hermético –que xa fora visualizada e descargada na web e nas redes sociais preto de 31.000 veces durante súa difusión por entregas a finais do ano pasado- foi presentado esta sexta feira no Salón de Plenos do Pazo Provincial cunha grande acollida de público, e desde a semana próxima será repartido nos centros de ensino secundario da provincia e as bibliotecas e centros de lectura municipais, ademais de poder recollerse de balde nas dependencias do Arquivo provincial ata esgotar exemplares.

A presentación contou coa presenza da deputada de Memoria Histórica María Ortega, Xosé Lois Vilar en representación do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), o coordinador da peza e responsable da escola O Garaxe Hermético Kiko Da Silva, o guionista Fernando Llor, e Alba María, responsable dos momentos musicais da xornada.

A deputada María Ortega lembrou que a novela gráfica sobre a Bombardeira é a segunda da colección iniciada con Regreso á Illa de San Simón, que pretende percorrer e explicar historias e lugares de singular importancia para a memoria histórica da provincia. Segundo dixo, o departamento de Memoria está a insistir en utilizar as bandas deseñadas no seu empeño de chegar á xente moza porque está a dar moi bo resultado. Lembrou, de feito, que na difusión que se fixo da BD As 9 cruces por entregas semanais a finais do pasado ano o número de impresións e descargas dos diferentes capítulos chegou a preto de 31.000 e 5.000 respectivamente, tamén con milleiros de interaccións nas redes sociais.

Salientou tamén que este curso a Deputación ten en marcha un obradoiro para facer BD con temática de memoria que está a ter moita demanda nos centros de ensino secundario, e destacou que se escolleu outra vez este formato para explicar a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán co gallo das Letras Galegas de 2022, subliñando a súa condición de exiliado.

En canto á escolla da historia da ‘Volta dos 9’ na BD, a deputada dixo que era preciso divulgala porque non só reflicte a traxedia da represión, se non tamén a resistencia que mantivo o pobo negándose a esquecer a barbarie pintando durante todo o franquismo as nove cruces en memoria das persoas asasinadas sobre o chan de Baredo. “Este aceno, que no tempo de terror podía supoñer un grave risco para quen o realizaba, converteuse logo na democracia nun dos símbolos de memoria máis potentes de Galiza”, dixo.

Ortega salientou tamén o esforzo realizado por colectivos como o IEM, co que colabora permanentemente a Deputación,  para darlle tamén visibilidade ás vítimas da Volta menos recoñecidas: as viúvas e as descendencias que ficaron orfas. “Desde o departamento sempre primamos a memoria con perspectiva de país, clase e xénero e esa é a senda que segue tamén o IEM. Coincidimos tamén na necesidade de non falar só do drama, se non tamén das ideas, da sociedade que querían construír persoas como os Ineses”, insistiu.

 

Recuperar os feitos e as consecuencias

Na xornada desta sexta feira tamén tomou a palabra o coordinador da BD Kiko Da Silva en nome das e dos ilustradores que participaron no traballo colaborativo: Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Pablo Prado, Damián Gómez Figueiras, Andrés Chinchilla, Antonio Recuna, Miguel Rojo, Mara Méndez, Daniel Corrada, Jorge Fernández, Álex Rozados e Miriam Iglesias.

Da Silva agradeceu a confianza da Deputación para levar adiante o traballo e quixo destacar a grande calidade e o escaso tempo no que se fixo. Apuntou a necesidade de levar a memoria histórica de Galiza á mocidade a través da banda deseñada tanto en papel como tamén a través das redes sociais, ocupando un espazo que non se toca acotío no mundo dixital. “Dámoslle voltas á cabeza para fomentar a memoria o mellor posible”, salientou.

Pola súa banda o guionista Fernando Llor salientou a necesidade de recuperar historias de represión franquista e as consecuencias que sufriron as familias tras os asasinatos. Subliñou que á hora de enfrontarse á escrita do guión da BD a dureza de reflexar os feitos foi especialmente difícil, “sobre todo pola crueldade total da Garda Civil na actuación”, e indicou que fixo o traballo dende unha perspectiva moi persoal posto que o seu avó estivo preso nun campo de concentración en Mallorca.

Dende o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) Xosé Lois Vilar puxo a nota histórica e lembrou que o 15 de outubro do 36, na Volta dos 9, un cabo da Garda Civil e un grupo de falanxistas fusilaron a sete mariñeiros, un labrego e un ferreiro (José Rodríguez González, O Pelonio; Manuel Aballe Domínguez, CHolo; Modesto Fernández Rodríguez, O Rei Chiquito; Elías Alejandro Gonda Alonso, O Ghonda; Manuel Barbosa Durán, o ferreiro do Burgo; Fidel Leyenda Rodríguez, o tío Félix; Francisco Manuel Lijó Pérez, O Lijó; Felicísimo Antonio Pérez Pérez; e Generoso Valverde, ao que chamaban Largo Caballero). Todos eles, dixo, eran grandes defensores da República e foron abatidos por estaren sindicados para mellorar os seus dereitos, igual que uns días antes foran asasinados ‘Os Ineses’ pola súa vinculación coa Sociedade Obreira de Sabarís.

Máis en CULTURA
Comentarios