O sludge consiste na ralentización xeral do rock duro, aínda con puntuais espasmos hardcore. De atmosfera ominosa, naceu nos Estados Unidos a finais dos 80 do século XX e chegou a incorporar influencias do rock sureño. Kalte Sonne parte dese mundo estético, pero prefiren definirse como post metal, concepto que agrupa propostas exploratorias na marxe mesma do ruído.
O seu traballo compartido con Alpaca -un vinilo de 12 polgadas- titúlase Mareira. Gravado e mesturado nos Kollapse Studio de Lugo durante o pasado verán, responde ás sonoridades de trío de baixo, batería e guitarra. Sen voces. Antes publicara The Hum (2014), Terra Incognita-Searching the New World (2015), Searching the New World Part 2 (2106), Ekumen (2018). Os seus concertos chegaron a Portugal, Francia, Italia ou Reino Unido.
O día 5 de febreiro levará Mareira/Drown ao centro social autoxestionado do Sar. Acompañaráa Alpaca, autores de Drown, que se atopa de xira pola Península Ibérica La horda del Este Tour 2019.