CONTRACULTURA

Brais Lorenzo, Claudia Morán e Alba Moledo: "Como xornalistas pensamos que temos unha débeda para documentar o que acontece no rural"

Brais Lorenzo (Ourense, 1986), Claudia Morán (A Coruña, 1990) e Alba Moledo (Pontevedra, 1994) son algunhas das persoas que integran Habitar o baleiro, un proxecto multiplataforma que pretende documentar as formas de vida e memorias do rural. Un sábado ao mes, comezando este 21 de setembro, Sermos Galiza, semanario que acompaña Nós Diario, achegará unha fotorreportaxe de Habitar o baleiro.

 

Claudia Morán, Brais Lorenzo e Alba Moledo. (Foto: Habitar o baleiro)
photo_camera Claudia Morán, Brais Lorenzo e Alba Moledo. (Foto: Habitar o baleiro)

Por que Habitar o baleiro?
Brais Lorenzo:
Despois de anos traballando como fotoxornalista, deime de conta de que levaba documentada unha parte importante da vida das aldeas da provincia de Ourense. Falando cun compañeiro, Javier Fraiz, comezamos a darlle forma, aínda que despois el tivo que abandonalo. O obxectivo é preservar esas raíces que quizais a xente da miña xeración seguimos mantendo, mais que cada vez están máis desconectadas das novas xeracións. Para as crianzas parece que os ovos veñen en bandexas do supermercado, igual que as cousas da horta.

Claudia Morán: Algo que compartimos todas as persoas que estamos no proxecto é o noso amor polo rural da Galiza, o vencello que temos coa aldea. Como xornalistas tamén pensamos que temos unha débeda para documentar o que acontece no rural, por iso tamén apostamos por un proxecto multiplataforma: empregamos todas as ferramentas que o xornalismo nos dá.

Cales son as problemáticas que máis vos atopades?
B.L:
Vemos que conflúen dúas maneiras de habitar o baleiro. Ao final centrámonos sobre todo nas zonas de montaña de Lugo e Ourense, que perderon 70% da súa poboación nos últimos 60 anos. Estamos ante un mundo que esmorece, o mundo dos nosos maiores. Esa maneira máis tradicional de estar no rural na Galiza. Aínda así, tamén nos atopamos con proxectos de xente nova que aposta por estabelecerse no rural, que chega de fóra con novas ideas ou que decide estabelecerse nestas zonas porque cre nun modo de vida máis natural, fóra das cidades. É algo que remata e algo que pode agromar.

Alba Moledo: Eu mesma son desas persoas que naceu no rural, foi vivir a unha gran cidade e volveu ao rural. Creo que é unha forma de volver a onde te sentes ti. Habitar o rural, nun sentido amplo, non é difícil: é o que fixeron os nosos avós durante séculos. O que ocorre actualmente é que estamos acostumados a outra vida que non contén os valores e a sabedoría do rural. Tampouco hai acceso a moitas das comodidades actuais porque falta bastante investimento a nivel institucional. Hai parroquias que nin sequera teñen unha conexión coa rede de sumidoiros.

C.M.: Unha cuestión moi importante para a esperanza do rural é a comunidade. Un exemplo é a iniciativa de Teitos de Piornedo, persoas que se dedican a restauras as pallozas cos seus teitos orixinais, que ademais está liderada en gran medida por mulleres dos Ancares. Outro, a organización que estamos a ver co tema de Altri. Puidemos falar con dúas médicas da zona, que ademais se coñeceron no Agrocuir, e unha delas é unha das persoas máis activas contra o proxecto.

A.M.: Un dos cometidos do proxecto é reivindicar, mais tamén visibilizar que hai outras formas de vivir que son moito máis amábeis e que forma parte da nosa esencia.

Cal é o futuro do proxecto?
B.L.:
Temos ideas, por exemplo, atendendo ao calendario agrícola ou cos que podemos chamar os últimos pastores de montaña, que se botan ao monte durante meses até que chega o frío. Concretando máis, a primeira parada do proxecto é a exposición que estamos presentando en distintos lugares. Tamén comezaremos a publicar pezas xornalísticas en Sermos Galiza. E estamos traballando para darlle un pulo ao repositorio da web así como a un documental que queremos facer.

Comentarios