Contracultura

Carabela: "Os temas de 'A noite' recollen pensamentos moi íntimos, que aparecen ao estar todo tranquilo"

Ana Moas (1995), vocalista; Alba V. Burke (1992), teclados e programacións; Pablo Agra (1994), guitarra, programacións e coros; e Pablo Pazos (1991), baixo eléctrico; integran a banda noiesa Carabela, coa que están a piques de publicar o seu segundo EP, 'A noite'.
Pablo Agra, Alba V. Burke, Ana Moas e Pablo Pazos presentan en xuño o seu novo EP. (Foto: Antonio Rubio)
photo_camera Pablo Agra, Alba V. Burke, Ana Moas e Pablo Pazos presentan en xuño o seu novo EP. (Foto: Antonio Rubio)

—Que buscaban á hora de compor este segundo traballo?
Pablo Agra: Xurdiu pola necesidade de ter un directo porque xa comezabamos a ter demanda e queriamos ir preparados para isto. Así, despois de , fixemos catro temas máis que co paso do tempo se foron transformando e chegaron a ter un sentido en conxunto. Tamén definen ben a nosa identidade.

Ana Moas: Neste caso tamén foi algo moi natural porque nós xa estabamos noutro punto. Entendiamos que a nosa música tiña identidade propia, que había algo conceptual. Intentamos darlle unha volta a eses temas que tiñamos, algo que non foi nada difícil porque todos recollían pensamentos moi íntimos, os que aparecen pola noite cando todo se volve máis tranquilo e, á vez, máis angustioso. Cada un apela a un momento distinto e as emocións que transmiten son ben diferentes. Finalmente serán seis os temas que formen parte do EP A noite.

—Tamén veñen de publicar un tema, co seu videoclip, que leva o título do anterior EP, .
P.A.:
Tiñamos a necesidade de definir a nosa identidade, non só musical, senón tamén estética. A un tempo, parecíanos ben facer un feche en homenaxe ao traballo anterior. Este videoclip é a suma destas dúas cousas. Ademais, axudábanos a preparar o segundo lanzamento. A nivel simbólico, o que di a letra, é unha despedida. As despedidas son necesarias para abrir novos camiños e novas etapas.

Pablo Pazos: Por iso é un sinxelo que está fóra de ambos os traballos, porque marca un feche. É un punto e seguido que está anunciando dalgunha maneira o camiño que se abre con A noite. E tamén é unha forma de non deixar a xente que agora nos empeza a seguir sen música nova, porque o gravamos cando aínda non había unha data clara para estrear o EP.

A.M.: Agora comezamos esta segunda etapa coa cabeza posta con outra intención, con outros obxectivos e pensando máis no conxunto da nosa identidade como grupo a todos os niveis. Parécenos moi interesante como toda a nosa esencia artística fai que nos comuniquemos coa xente.

P.A.: Ao final os nosos obxectivos como banda van flexibilizándose en función das nosas necesidades e da repercusión que imos tendo en cada momento. A medida que todo isto se formalizou máis tamén comezamos a adquirir unha responsabilidade maior de forma natural, mais tamén houbo moitas conversas entre nós para saber até que punto podíamos, de maneira individual, involucrarnos, porque temos os nosos traballos alén das horas que lle dedicamos a Carabela.

—Como cren que se vai recibir este novo traballo que presentarán no mes de xuño?
P. A.: Cando facemos música non temos expectativas. Somos bastante libres, que ao final tamén é un punto positivo de que o noso sustento e supervivencia non dependa da nosa creación musical. Evidentemente temos moitísimo agradecemento cando á xente lle gusta o que facemos e claro que nos sube a autoestima; mais Carabela representa a nosa maneira de fuxir da vida cotiá e da rutina, de poder expresarnos como queremos. Para min esa é a riqueza e por iso intentamos non pensar nas expectativas alleas.

P.P.: Claro, a todo o mundo lle gusta gustar, mais non pode ser o primeiro. Creo que A noite non se afasta tanto do que viñamos facendo antes, polo que creo que si que vai gustar.

Comentarios