Sermos Galiza

Carlos L. Bernárdez e a historia da arte galega, protagonistas do 'Sermos Galiza' desta fin de semana

Neste novo número do semanario analízase tamén as lavandeiras como fonte de inspiración do pintor Picasso e Fernández del Riego.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é a entrevista a Carlos L. Bernárdez realizada por Montse González que trata a historia da arte galega.

González salienta antes de iniciar a conversa con Cacho que “Escribir unha historia da arte galega para un público non especializado, cun discurso que enlazase coa tradición de reflexión escrita sobre a plástica de Castelao, Murguía ou Seoane. Este era o obxectivo de Carlos L. Bernárdez ao traballar no libro Unha historia da arte galega (Laiovento), un ensaio que vén cubrir un oco no seu xénero ao reunir nun só volume un completo percorrido pola arte galega desde a prehistoria até os anos 80 do século XX”.

Picasso na cidade de cristal e auga

Comeza este número do Sermos, cunha reportaxe a cargo de Patricia Angulo e Carmela Galego que analizan As lavandeiras como fonte de inspiración do pintor malagueño.

“Un dos cadros máis importantes do século XX semella un cristal roto en mil anacos. Son mulleres dos estratos máis baixos da sociedade que un enfant terrible da pintura quixo quebrar. Unha década antes, ese mesmo rapaz era aclamado nunha cidade galega como neno prodixio. Efectivamente érao, un dos primeiros alumnos que tivo a nova escola de Belas Artes da Coruña. A cidade estaba cambiando, configurado esa estética de cristal que hoxe a caracteriza. A última infancia de Picasso, o alumno avantaxado, foi testemuña dos cambios e das permanencias que as clases populares vivían nunha cidade feita de cristal e auga.”, indícase na reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, a escritora Olga Novo ofrece unha reflexión titulada ‘Demostración científica da dozura’.

Del Riego, xornalista

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por María Laxe e titúlase ‘Del Riego Xornalista’.

Laxe explica que “Con motivo do Día das Letras Galegas, Sermos Galiza S.A. edita unha publicación, coa colaboración do Concello de Pontevedra, na que se recollen por vez primeira, de maneira conxunta, as entrevistas realizadas por Francisco Fernández del Riego a grandes vultos da sociedade e da cultura galega na revista Galicia Emigrante”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro analizan na sección de libros dúas obras.

No caso de Xesteira, analiza a obra Máis do que unhas cores de Ramón Usall, un libro que segundo Xesteira, “féchase cunha breve referencia a once futbolistas que destacaron pola súa loita a prol da liberdade dos pobos”.

No caso de Barreiro, analiza O home que valía por mil, unha obra da autoría de Pepe Carreiro e Antón Mascato. “o libro, aínda estando dirixido a lectores novos, proporciona un tempo de boa lectura para calquera idade, é entretido e vén co valor engadido da didáctica e coa reivindicación dun dos nosos meirandes intelectuais”, salienta Barreiro.

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Wahid de Tan DuB. Pola súa parte, Marina Fernández Vigo escribe un artigo titulado ‘As que dormen entre o centeo’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Suzume, unha obra de Makoto Shinkai. “Orixinal, poética e un chisco máis adulta que as precedentes. Suzume afonda na memoria de todo un país, nas súas raíces, nos seus medos”, indica Castro.

Sole Felloza encárgase da sección de ‘Patrimonio oral’. Nela, Felloza trata as ‘Sementes de maio’.

Pola súa parte, Lázaro Armental analiza na sección de Arquitectura os patios. No artigo, Armental escribe que “o aire compartido do patio íllanos da rúa pero xúntanos estreitamente a outras vivendas”.

En canto á sección de Deseño, Pepe Barro ofrece un artigo chamado ‘Galiza prefilatélica’ onde analiza o mundo dos selos na Galiza.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Máis en CULTURA
Comentarios