O CDG leva a historia da actriz Manuela Rey ao Festival de Almada

Dezanove espectáculos de teatro, danza, música, malabares e cabaré desenvolveranse en oito escenarios de Almada e Lisboa.
Teresa Vieira en 'Manuel Rey is in da house'.
photo_camera Teresa Vieira en 'Manuel Rey is in da house'.

O Festival de Teatro de Almada (Portugal), que celebra a súa 41º edición do 4 ao 18 de xullo, acollerá, o día 14, a representación de Manuel Rey is in da house, a montaxe do Centro Dramático Galego -en coprodución co Teatro nacional Dona Maria II de Lisboa, o Teatro Nacional São João do Porto e o Centro Dramático de Viana do Castelo- que recupera a figura de Manuela Rey, unha actriz de Mondoñedo que se converteu nunha estrela do teatro portugués a través dos papeis interpretados no Teatro Dona Maria II de Lisboa, a mediados do século XIX.

A peza imaxina unha iniciativa cidadá para restaurar a casa natal de Manuela, nunha aldea perto de Mondoñedo, para instalar un museo evocador da súa memoria. Teatro, danza e música (gravada e en directo, con Xosé Lois Romero ao acordeón) únense nun espectáculo "sobre o oficio do teatro, sobre a memoria e sobre como o paso do tempo configura a nosa visión". Esta coprodución luso-galega estreouse en novembro de 2023, no marco do Festival de Teatro de Viana do Castelo.

A montaxe compartirá o programa do festival con producións dirixidas por creadores como Peter Stein, Robert Wilson ou Lucinda Childs que trazaron os camiños da escena dos últimos anos. Olivier Py, que dirixiu o Festival d’Avignon entre 2013 e 2022, achega un cabaré no que volve traer o seu alter ego das tres últimas décadas, Miss Knife, con cancións escritas por el.

Do mítico teatro de Peter Brook, o Bouffes du Nord, chega un espectáculo de Samuel Achache baseado nos Lieder de Schumann. E tamén é a música -a famosa ópera Orfeo e Eurídice, de Gluck- a que inspira a peza coa que a nova directora Jeanne Desobeaux fecha esta edición do Festival, o 18 de xullo. O coreógrafo serbio Josef Nadj regresa a Almada co mesmo conxunto de bailaríns africanos que presentou en 2022, agora cunha creación recente, estreada esta segunda feira en Montpellier. Mathilde Monnier presenta por primeira vez no festival un espectáculo de danza que causou sensación no Festival de Aviñón.

Comentarios