Dá comezo a Festa do Boi de Allariz con máis de medio cento de actividades

Unha das novidades deste ano é a recuperación da comida popular do sábado, que decorrerá en Paicordeiro
Bois en Allariz. (Foto: Ecocamiño)
photo_camera Bois en Allariz. (Foto: Ecocamiño)

Este sábado, 25 de maio, comeza en Allariz (comarca de Allariz-Maceda) a Festa do Boi, que se alongará durante nove días, até o domingo 2 de xuño. A Asociación Cultural Xan de Arzúa organiza este acontecemento declarado de Interese Turístico da Galiza, que ofrece un extenso programa cheo de actividades.

A Asociación Xan de Arzúa aposta polo carácter cultural e histórico da festa potenciando máis de medio cento de actividades como a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios, o domingo a partir das 12 horas. Arredor de 600 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan de maneira lúdica a orixe da festa alaricana.

Unha das novidades deste ano é a recuperación da comida popular do sábado, que decorrerá en Paicordeiro o día 25. Ademais, ás 16 horas terá lugar unha foliada con música de Xisco Feijóo. A música, como vén sendo habitual, terá unha importante presenza na festa, que contará con grupos de gaiteiros, charangas e orquestras, cos tradicionais Zés Pereiras e o grupo De Pé Feito, entre outros.

A cativada tamén terá o seu espazo na Festa coa programación de actividades como as saídas do boi infantil, o Pistaboi, a merenda infantil ou o espectáculo de monicreques creado polos centros de ensino de Allariz, A historia de Xanciño de Arzúa.

Festa histórica

A Festa do Boi é unha festividade histórica cuxa celebración se remonta a un acontecemento que tivo lugar no ano 1317, cando un tal Xan de Arzúa, fidalgo alaricano, montou a lombos dun boi para espantar os xudeus que adoitaban expresar o seu rexeitamento á procesión do Corpus con chanzas e risas, ás que engadían berros e insultos contra os cristiáns.

.

Máis en CULTURA
Comentarios