Euloxio Ruibal, Antonio Palacios e Celsa Argüeso, os nomes propios do 'Sermos Galiza'

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 8 de xuño, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como é habitual, este sábado, 8 de xuño, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta o protagonista é o escritor Euloxio R. Ruibal (Ordes, 1945), a quen entrevista o xornalista Xan Carballa con motivo do Premio O Escritor na súa Terra-Letra E, que concede desde hai 25 anos a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e que recibirá o 15 de xuño en Compostela.

"Desde neno quería facer cine, víame como guionista e practiquei moito. Na miña casa había poucos libros, como en calquera familia de clase media ou baixa da época, mais conseguín que meu pai, que se preocupaba pola cultura, atendese o meu pedido: mercar o libro que vira nun escaparate, Técnicas del guión de cine de Aldo Monelli. Alí explicaba como escribir un roteiro de cine convencional, e fixen exercicios dun folio, máximo tres, cunha breve escena e obxectivos moi básicos. E cuns amigos, en paralelo coas angueiras do teatro, formamos un pequeno colectivo, Reina Lupa, co que chegamos a preparar algunhas curtas (Catro por catro, Mesturanza…)", comenta Ruibal.

O 'espírito' da Galiza nas obras de Antonio Palacios

A historia da cultura galega está tan chea de feitos e persoeiros que todos os días do almanaque atopariamos efemérides que celebrar. Entre outros, neste 2024 é o 150 aniversario do nacemento no Porriño (comarca de Vigo) do xenial arquitecto galego Antonio Palacios, a un tempo que a Academia Galega de Belas Artes dedica o Día das Artes Galegas (1 de abril) ao escultor de Cambados (O Salnés), Francisco Asorei. Dous nomes que viven e beben dunha mesma ansia nas súas pescudas artísticas, a do "espírito" de Galiza. Sobre isto escribe na reportaxe de apertura do semanario Felipe-Senén López Gómez.

Polas súas obras coñeceremos o creador. E iso intentouno o lembrado e malogrado historiador de Antonio Palacios, Xosé María Ramón Iglesias Veiga (Mos 1957-2020), como o mesmo construtor carballiñés Adolfo Otero Cerdeira, deixando memoria do seu acontecer a carón da obra de Palacios. Agora, o Colexio de Arquitectos de Madrid expón nesta capital e traslada á Coruña a grande exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruído del tiempo, dirixida polos arquitectos Ricardo Sánchez Lampreave e José Luis Varela Alén, con necesario e profesionalizado catálogo.

Celsa Argüeso Pardo e a crueldade baldía do franquismo

Esta pescuda, da man de Manuel Pazos Gómez, céntrase na historia de catro membros dunha mesma familia asasinados polo franquismo. As fontes sinalan a Garda Civil como verduga en 1948 de Celsa Argüeso, nai do guerrilleiro Manuel Pardo, coñecido como Trelles, morto en Oroso en xaneiro dese ano. O crime de Celsa supón o apoxeo da represión familiar: o seu irmán Manuel fora paseado en Ferrol en 1936, mentres que Andrés, outro dos fillos de Celsa, caera tiroteado na fuga masiva de 1938 do Forte de San Cristovo (Iruña), onde cumpría condena por "rebelión militar e homicidio frustrado".

Durante a Segunda República, o casal formado por Celsa Argüeso Pardo (orixinaria de Betanzos) e Ramón Pardo Fernández (natural de Babío, en Bergondo) vivía nas Eiras número 3, parroquia e concello de Bergondo, nas Mariñas. Os fillos da parella eran Maruxa, Andrés, Manolo, Ramón e Toñito, ademais doutra filla que falecera moi nova.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Os libros e a beleza. Somos animais poéticos, de Michèle Petit e traducido por Isabel Soto (Kalandraka, 2024), e Balada do desterro, de Teresa Moure e Maria João (A Central Folque, 2023).

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Circum (Youkali Music, 2024), de Tom Risco e Marcos Teira, e achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, Álvaro Carballo asina o artigo 'A música e o sistema patriarcal'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O último late night (Cameron Cairnes e Colin Cairnes, Australia), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. E Sole Felloza fálanos de 'saberes' na sección Patrimonio Oral.

Aliás, Lázaro Armental escribe na sección de Arquitectura sobre 'por que abandonar?', mentres Pepe Barro achega no apartado de Deseño un artigo titulado 'A Xeración triunfante'. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 8 de xuño, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Máis en CULTURA
Comentarios