Contracultura

Fernando Castro: "Hai que deixar que os personaxes sexan, que falen e que digan o que teñan que dicir"

Fernando Castro Paredes, profesor e escritor, foi galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro pola súa peza teatral O traxe, onde combina técnicas propias do monólogo cun ritmo áxil e a presenza do humor negro. Castro Paredes reflexiona arredor da construción de historias e personaxes así como dos certames literarios defendendo que “gañar un premio é unha improbabilidade estatística”. 
Fernando Castro Paredes é o autor do monólogo 'O traxe' (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fernando Castro Paredes é o autor do monólogo 'O traxe' (Foto cedida).

Como xurdiu 'O traxe'?

Resulta moi agradábel ver que é o resultado dun proceso de adaptación dun texto narrativo. Inicialmente era un relato que eu escribín hai tempo e que estaba metido nun caixón, mais un día pensei que quizais era posíbel facer unha dramaturxia máis ou menos interesante sobre el.

Comecei a traballar e isto foi o que saíu. É un texto cunhas propiedades dramáticas moi particulares, porque non é un diálogo propiamente dito, é máis ben un monólogo con bastantes posibilidades para a posta en escena. Non se escoita unha única voz no texto, hai outras que poderían estar nunha montaxe de moitas maneiras: a través de actores que acompañan ao personaxe principal que monologa, con voces en off ou inclusive pode ser o propio personaxe principal quen fai esas outras voces.

O xurado salientou o ritmo, así como a presenza do humor negro.

Cada historia e cada personaxe ten o seu ton e o seu ritmo. Este protagonista está moi enfermo e abandona o hospital sabendo que vai morrer. Supoño que isto o sitúa nun punto no que se comporta dunha determinada maneira, levando a un ton e a un ritmo moi concreto. El fala de maneira moi directa porque sabe que non ten nada que perder, chega de forma moi abrupta e utiliza linguaxe moi incorrecta.

El mesmo é un personaxe politicamente incorrecto, porque é homófobo e xenófobo, e todo iso leva a unha certa música no texto, que supoño que é o que contemplou o xurado nas súas apreciacións. Eu non son un autor dos que pensa nunha mensaxe ou idea previa e que trata de plasmala, senón que me deixo levar polas historias e trato de contalas da maneira máis eficaz posíbel. Todo o que xurda a partir das personaxes e da súa maneira de interactuar é o que é a obra no fondo. Desde logo este é un personaxe do que eu non sería amigo na vida real.

É máis complicado escribir personaxes coas que se ten unha menor afinidade?

Non o sei, diría que nos atrevemos menos. Quizais imaxinamos o que poden pensar de nós as persoas que nos len ou que ven as nosas obras. Mais probabelmente este tipo de autocensura é unha das cousas menos recomendábeis para calquera proceso de creación. Na miña opinión, hai que deixar que os personaxes sexan, que falen e que digan o que teñan que dicir. E se a mensaxe que transmiten é inadecuada para nós como autoras e autores que sexa así, porque non somos nós quen fala. 

Alén do Premio Álvaro Cunqueiro, nos últimos anos tamén recibiu moitos outros. Cal é o segredo?

Non o sei. Gañar un premio é unha improbabilidade estatística, hai circunstancias moi específicas para que ocorra: tes que ter un texto relativamente bo e que este conecte co xurado escollido. Non podería dicir que é o que está pasando agora coas miñas obras, o único que podo dicir é que me sinto moi afortunado.

No que respecta ao Álvaro Cunqueiro síntome un pouco sobrepasado, porque é un premio que ten unha nómina de gañadores bastante impresionante e un sempre pensa que non é merecedor dunha honra así. Encantaríame que as miñas obras puideran ser representadas por compañías profesionais, no momento no que iso se produza eu probabelmente deixarei o circuíto dos premios literarios, por dicilo dalgunha maneira. Estes son para min unha maneira de acceder ao circuíto profesional e ao editorial.

Entendo a complexidade das montaxes teatrais e da inversión económica e de esforzo que requiren, polo que tamén entendo que as compañías vaian ao seguro con autorías xa consolidadas ou que opten por poñer en escena obras de creación propia. Con todo, tamén me gustaría que puideran ter en conta que hai obras que foron recoñecidas por xurados importantes e coas que se poderían facer espectáculos moi bonitos. 

Máis en CULTURA
Comentarios