As Tanxugueiras e Red Hot Chilli Pipers, cabezas de cartel no regreso do Festival de Ortigueira

A organización tamén confirmou o grupo escocés Red Hot Chilli Pipers.
Tanxugueiras no Benidorm Fest. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Tanxugueiras no Benidorm Fest. (Foto: Rocío Cibes)

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira contará coas Tanxugueiras e co grupo escocés Red Hot Chilli Pipers como cabezas de cartel.

Así o confirmou a organización do festival, que volverá a ter lugar após dous anos cancelado pola pandemia. Decorrerá do 10 ao 17 de xullo, e será "a edición máis longa da sía historia".

A organización tamén subliñou que nesta edición busca "apoiar e difundir a cultura galega con máis forza se cabe do que xa viña facendo durante as últimas edicións"

Asemade, agradeceu nun comunicado "as numerosísimas mostras de agarimo do público e o apoio recibido durante os últimos dous anos", e agarda "poder ofrecer un festival inesquecíbel a todas as amantes da música celta!".  

Cabezas de cartel

Das Tanxugueiras, o comité organizador do Festival de Ortigueira destaca que son "cantareiras dunha nova época, artistas revelación da fusión da música tradicional e os ritmos urbanos".

Afirma tamén que "están chamadas a levar a súa enerxía e revolución por escenarios de todo o mundo". Aida, Olaia e Sabela xa participaron na última edición do festival, en 2019.

Pola súa parte, Red Hot Chilli Pipers actuará po primeira vez na Galiza. "Tras innumerábeis concertos e xiras arredor do mundo, o grupo escocés encherá o escenario principal coa súa fusión de rock e música tradicional escocesa nun espectáculo que xa é considerado como un fenómeno mundial", engade a organización. 

Máis en CULTURA
Comentarios