VÍDEO | Hugo Guezeta volve en solitario para reivindicar "O Noso Tempo"

"Un proceso de liberación". Así define Hugo Guezeta a estrea do seu novo sinxelo, "O Noso Tempo".
Escena do videoclip que acompañou a estrea de "O Noso Tempo". (Foto: PlayPlan)
photo_camera Escena do videoclip que acompañou a estrea de "O Noso Tempo". (Foto: PlayPlan)

"Un proceso de liberación". Así define Hugo Guezeta a estrea do seu novo sinxelo, "O Noso Tempo". O rapeiro relanza así a súa carreira en solitario tras a separación do seu grupo Son Da Rúa, un período que cualifica, en conversa con Nós Diario, como "moi bonito e moi especial para nós, por iso ás veces custa fechar etapas, aínda que sexa de forma boa".

Este "O Noso Tempo" é o primeiro sinxelo do que será a súa "ópera prima", un álbum de longa duración que agarda ver a luz a finais deste ano 2024. O artista escolleu o significativo Día das Letras Galegas para adiantar a que será a súa "nova era musical", mantendo a súa xa intrínseca "reivindicación social, cultural ou lingüística", explica.

“O Noso Tempo” é unha canción que desata a faceta máis persoal de Hugo, destacando a súa "pausa para coller folgos" e a súa ilusión de cara ao futuro. Este primeiro adianto segue mantendo a base de reivindicación e crítica social que leva marcando toda a carreira do rapeiro, pero abre o seu proxecto cara a novos ritmos e temáticas. Hugo recolle así o relevo da súa maqueta A dignidade non se merca (2016) e do seu EP 1991 para continuar coa súa carreira. Nel, o rapeiro mergullarase en "sons máis frescos e bailábeis", sen perder de vista á súa esencia. 

En sintonía con Petrowski

Este novo traballo está producido e gravado xunto con Peter Petrowski, o produtor artífice dalgúns dos seus temas máis coñecidos e dalgúns dos grandes himnos de Son Da Rúa. “O Noso Tempo” é unha nova mostra de que a conexión entre Hugo Guezeta e Peter Petrowski é máxima, conformando unha dupla destinada ao éxito musical, feito que intentarán deixar patente. Nos próximos meses poderemos gozar dos seguintes adiantos deste álbum, así como a confirmación das primeiras datas da súa xira en solitario.
Este 2024 quedará marcado para a escena da música galega polo regreso dun dos seus grandes baluartes. Volve un do mellor rap en galego da man de Hugo Guezeta. 

Comentarios