O artista de Pontevedra exhibe obra recente na galería SC de Bilbao

Isaac Cordal mostra a distopía cotiá

A alienación, o individualismo, o illamento, o consumismo... Isaac Cordal mostra en Bilbao unha sociedade inquietantemente distópica que lembra o inferno en que se pode converter o capitalismo levado ao seu extremo a través dunha frase irónica e terríbel: "O teletraballo faravos libres". 
Pormenor dunha das obras da exposición de Isaac Cordal en Bilbo.
photo_camera Pormenor dunha das obras da exposición de Isaac Cordal en Bilbo. (Foto: Galería SC Bilbao)

“O concepto de progreso cabe fundalo na idea de catástrofe. Que todo siga ‘así’ é a catástrofe. Esta non é o inminente cada vez, senón que é o cada vez xa dado”. A cita é de Walter Benjamin pero o sentimento parece cada vez máis compartido: a idea de progreso que impón o capitalismo parécese moito a un precipicio polo que imos escorregando sen decatarnos, a ese “síndrome da ra fervida’ que dita que se metemos unha ra en auga morna que se leva a ebulición a modiño, o animal non percibirá o perigo e cocerase até a morte. Aínda que agora mesmo xa hai moita xente avisando dos riscos. 

O artista Isaac Cordal (Pontevedra, 1974) expón até o 28 deste mes, na galería SC de Bilbao, un conxunto de instalacións que, baixo o título 24/7, reflexiona sobre esa idea de progreso poñendo o foco nunha transformación que, paulatinamente, se materializou sen que soubésemos moi ben como: a conversión do traballo no centro da existencia. 

Un felpudo dos que reciben aos visitantes na casa exhibe a frase Telearbeit macht frei (O teletraballo faravos libres) nun remedo entre irónico e tráxico daqueloutro lema emprazado na entrada dos campos de concentración e exterminio estabelecidos polo réxime nazi. 

A partir de aí, as instalacións de cemento do artista recrean un universo ao mesmo tempo cotián e distópico que mostra individuos illados -alienados- cuxa actividade orbita arredor do traballo asalariado e cuxos desexos foron domesticados polo consumismo. Individuos cuxa existencia é un enigma incluso para eles mesmos, que esperan que o sentido da vida lles sorprenda mentres continúan cunha existencia gris que os esgota.

O espazo doméstico como castigo 

O fenómeno que describe Cordal  ("Estamos resignados a non perder o tempo. O tempo libre converteuse nunha pausa entre tarefa e tarefa. Parece que nos sentimos mal se non facemos nada. Volvemos unha e outra vez a revisar o noso teléfono móbil como se cada notificación fose un bálsamo na incerteza") é, desde logo, anterior á aparición da Covid-19, mais a intensificación das condicións de illamento e a extensión do teletraballo, derivados das medidas tomadas para frear a pandemia, inflúen nese aspecto distópico -de experimento social sen precedentes-, que logra que o público se identifique con ese sentimento desesperado que a instalación desprende. O doméstico pasou de constituír un refuxio a formar parte da maquinaria de opresión. 

Se cadra, a pandemia tamén invita a facer paralelismos entre os discursos que anuncian a súa fin e os que prognosticaban a fin da crise económica: declárase absurdamente que a peste foi vencida e as ganas de que isto sexa certo lévanos a esquecer as causas do contaxio. 

A inquietante idea que sementa a frase tomada dos campos de exterminio -a de que o nazismo foi unha manifestación extrema do capitalismo e de que  o alí sucedido deixou un embrión aínda latente na sociedade- pode, ou non, parecer esaxerada. Mais non debemos esquecer que moitas das vítimas daqueles campos saían a diario para ser usadas como man de obra escrava por Siemens, Krupp, Basf, Bayer e outras empresas de gran prestixio no mundo financeiro.

O progreso cara á miseria e a degradación 

Isaac Cordal nunca fuxiu da crítica social na súa obra. No seu proxecto Cement Eclipses coloca estratexicamente as súas figuras para crear imaxes cargadas de crítica social, que reflexionan sobre a construción e a destrución, o cambio climático, as relacións de poder e, especialmente, sobre a condición humana. 

As súas pequenas esculturas poden verse en galerías de arte ou en espazos urbanos de Vigo, Lugo, Pontevedra, Bruxelas, Londres, Berlín, Zagreb, Nantes, San José, Barcelona, ​​Viena, Malmö, París, Milán ou Bogotá. 

A reflexión crítica sobre a idea de progreso -que o achega ao discurso de Benjamin- mostra unha sociedade cunha capacidade de (auto)destrución cada vez máis grande, e cunha disposición absoluta a inmunizarse -a través do entretemento- ante a súa propia decadencia. 

E malia todo, a soidade e a tristeza das súas personaxes permiten detectar a empatía cara a unha melancolía e unha desesperanza que se advirten xa como universais.

Máis en CULTURA
Comentarios