Contracultura

Javi Maneiro: "Vinme a min mesmo metido nunha caixa, morto, e fun buscarme, quiteime da morte en brazos"

Javi Maneiro, integrante de Heredeiros da Crus, volve aos escenarios -após sufrir un accidente cardiovascular- para continuar coa xira da banda, mais tamén para presentar  o seu novo traballo en solitario, Un bonito despertar. 
O músico Javi Maneiro, integrante de Heredeiros da Crus (Foto: Pily Reñones Photographer).
photo_camera O músico Javi Maneiro, integrante de Heredeiros da Crus (Foto: Pily Reñones Photographer).

—En primeiro lugar, como senta volver aos escenarios?
O certo é que me sinto renacido. Eu xa tiña algunhas dúbidas sobre o que quería cantar, tiña que ser algo que sentira de verdade, mais despois de todo o que pasou téñoo máis claro aínda, sei que iso é o que quero facer: algo que a min me emocione. 

—Por que Un bonito despertar?
Iso é o máxico deste disco. A miña traxectoria en solitario sempre foi en castelán, mais despois de facer un himno para o colexio onde eu estudei foi como recuperar as miñas raíces e a miña identidade. Ademais, cadrou xusto co 30 aniversario da miña carreira e decidín regalarlle un disco en galego a toda a xente que me leva seguindo tantos anos. Isto foi no Nadal de 2021, collín vacacións na fábrica e en menos de dúas semanas xa tiña escritas todas as cancións. 

Non me pasara nunca, foi como unha especie de canalización. Nese momento xa tiña claro que o disco se ía chamar así, que na portada ía haber unha persoa en posición fetal, xa estaban as cancións de A morte non me enjaña, Paletilla baixa, Non quero bicos sen lingua... Comezamos a gravar en marzo e a presentación ía facerse ao rematar a xira con Heredeiros da Crus coa mala sorte de que en agosto rebentoume un aneurisma e tiven que parar todo en seco. 

Aí comezaron a pasar varias cousas incríbeis porque estando na UCI eu tiña medo de morrer se durmía e ademais me estaban facendo preguntas continuamente para comprobar se o sangrado ía a máis. Xunto a isto, un dos medicamentos que me daban, o que máis me quitaba a dor, tamén era psicotrópico, polo que tiven varias alucinacións. Nunha delas vinme a min mesmo metido nunha caixa, morto, e fun buscarme, quiteime da morte en brazos, tireime a min mesmo na cama para que espertara e cando acordei estaba en posición fetal, exactamente como na portada que eu quería facer. 

Despois de toda esta experiencia analicei as cancións do disco e falan precisamente do cambio, de mirar para dentro e darte de conta de que non estás ben dentro do teu corazón, de non darlle tanto sentido á razón. Como digo en Coruxas, “bailar sobre unha pedra de abalar”. Neste caso fala de min, mais tamén é válido para unha persoa con problemas de parella que queira separarse ou para outra que só vive para o traballo.

Todo o que me pasou está escrito nesa canción: “Vivo nun corpo, fala comigo, está cansado e aburrido, lévache a mente por mal camiño. Estás ausente, sempre jodido”. 

—Era esta necesidade de cambio a que quería transmitir?
Hai tres cousas que me facían dano na vida e unha delas era a fábrica. Levo nela 26 anos e sen querelo e sen buscalo tiven que deixala porque aínda que me deran a alta, co tratamento que estaba tomando, non podía traballar. Vinme libre dun problema, de algo que tanto dano me estaba facendo. Neste disco hai varias frases que son importantes para min e que se converteron case en mantras: “Todo muda, todo cambia e nós cambiamos”, “non hai un bonito despertar sendo un estraño, se non te coñeces a ti mesmo” e “que o libro da túa vida non o escriba ninguén”.

Para min foi algo case premonitorio, como se a escritura me avisara do que estaba pasando, o meu corpo avisándome de que tiña que cambiar. Hai veces nas que a xente está sufrindo cousas malas na familia, no traballo ou con amizades, e non acaban de atopar o valor ou o momento de cambiar. O corpo acábache pondo nunha situación como a miña, que estou vivo de milagre. Outros non ten unha segunda oportunidade.

—Após a estrea na Capitol (Compostela), cales serán as próximas datas de concertos?
Irémolas pondo polas redes sociais. Aínda estamos negociando algunhas cousas porque eu dependía de que me deran a alta e iso pasou algo máis tarde do que me tería gustado. Comezaremos coa xira de Heredeiros e eu irei presentando o disco a partir de agosto. 

Comentarios