José Yáñez expón as súas 'Miradas a Compostela'

O claustro alto do Colexio de Fonseca acolle desde o 20 de xuño e até o 30 de agosto a mostra de debuxos 'Miradas a Compostela', de José Yáñez.
Obras de Yáñez na exposición de Fonseca (Foto: Santi Alvite / USC)
photo_camera Obras de Yáñez na exposición de Fonseca (Foto: Santi Alvite / USC)

O claustro alto do Colexio de Fonseca, en Santiago, acolle desde este 20 de xuño e até o vindeiro día 30 de agosto a mostra de debuxos Miradas a Compostela, de José Yáñez.

"Sentado na miña cadeira portátil debuxo distintos ángulos da cidade, buscando encadres para deixar nestes cadernos unha mostra variada das arquitecturas urbanas. O románico, gótico ou barroco, sen esquecer a arquitectura modernista, racionalista, ecléctica, contemporánea ou popular son os obxectos da miña atención", explica José Yáñez.

"Un debuxo cuestiona sen présa a aparencia dun suceso, e ao facelo lémbranos que as aparencias son sempre unha construción cunha historia", explica sobre a súa obra o autor, que pretende narrar a historia da cidade de Compostela e dos centros históricos da Galiza a través do debuxo das súas arquitecturas apoiado en diferentes técnicas.

A exposición poderá visitarse de segundas feiras a sextas de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas. A entrada é aberta e de balde.

 

O autor

José Manuel Yáñez Rodríguez é arquitecto técnico, enxeñeiro de edificación e doutor en Historia da arte. Foi xefe do Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación da Coruña. Durante 38 anos exerceu como profesor nas Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña. Yáñez publicou 16 libros e cartafoles de debuxo, todos eles referidos ao patrimonio edificado. Escribe habitualmente artigos sobre o patrimonio construído en revistas especializadas e ten no seu haber varios premios de investigación.

Como pintor realizou numerosas exposicións individuais e colectivas en diferentes puntos do Estado. A súa obra está presente en coleccións de diferentes institucións públicas e coleccionistas privados.

 

Máis en CULTURA
Comentarios