Marga do Val debulla na Estrada o 'Sermos Galiza' dedicado a Luísa Villalta

A presentación decorreu da man de Vagalumes
Marga do Val e David Otero, esta sexta feira, na Estrada (Foto: Nós Diario).
photo_camera Marga do Val e David Otero, esta sexta feira, na Estrada (Foto: Nós Diario).

A asociación cultural Vagalumes levou onte á Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) a presentación da edición monográfica do Sermos Galiza dedicado á Luísa Villalta, que foi homenaxeada no Día das Letras Galegas.

A coordinadora deste número especial, e tamén amiga de Villalta, a escritora e profesora Marga do Val, foi a encargada de debullar os contidos dunha publicación que afonda en diversos aspectos da vida e da obra múltiple de Villalta, desde os trazos da súa obra poética, narrativa, ensaística e teatral até o seu compromiso social e político, a súa inalterábel relación coa música como referente para a comprensión da poesía, ou a súa estreita relación coa veciña cultura portuguesa.

Precisamente, Marga do Val asina o artigo de apertura, titulado Luísa Villalta, Materia de Alexandre Bóveda, que precede as achegas de Pilar García Negro, Alexandrina Fernández Otero, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Marica Campo, Xosé M. Álvarez Cáccamo, Ana Pillado Vega, Francisco X. Fernández Naval, Marta Dacosta, Paulino Pereiro, Teresa Seara e María Casar Díaz. 

 

O especial

O especial coordinado pola escritora e profesora Marga do Val, conta con sinaturas que forman parte da "comunidade Villalta" como a tamén profesora a escritora Pilar García Negro, que achega a súa intervención na homenaxe a Villalta organizada na Coruña por Galiza Cultura en marzo. Descobre ademais, nesta publicación, unha carta inédita de Villalta.

Alexandrina Fernández Otero e Carme Fernández Pérez-Sanjulián afondan en Os pasos contados, (auto)retrato artístico da escritora comprometida na procura da verdade persoal no proceso de creación. A lectura da obra Os pasos contados reviste un grande interese xa que amplía o perfil teatral da autora. Ao tempo, o texto achéganos o autorretrato artístico dunha escritora comprometida e involucrada na procura da verdade persoal no proceso de creación.

Marica Campo trasládanos ao Viveiro de 1989 e ao abril no Teatro Pastor Díaz para lembrar ese primeiro día en que compartiron espazo nun recital e nun concerto e desde aí até o derradeiro día coa Villalta autora do poema dedicado a Palestina "Debilidade". "Cando alguén querido marcha, á sensación de que afundiu no mar un continente, e nós con el, sucede a aparición dun mundo de illotes a emerxer para que os recordos, náufragos, se aferren ás rochas. A nosa escritora era unha certeza de carne e óso, agora memoria e palabra nada máis. Nada menos", afirma Campo.

Pola súa parte, Xosé M. Álvarez Cáccamo aproxímanos ás claves da singularidade de En concreto: a imaxe visionaria e a ollada expresionista. "titúen claves importantes da singularidade deste libro, unha publicación decisiva no panorama actual da poesía galega", asegura o escritor.

Ana Pillado Vega relátanos ao abeiro da amizade a relación da violinista e da escritora coa familia Pillado Vega. "A música das palabras é a arquitectura básica da casa común. Os seus alicerces: o fondo compromiso coa cultura galega. A amizade é unha casa que torna fogar. Talvez sexa quen de cartografar a luz alí compartida...", conta.

Francisco X. Fernández Naval achéganos á obra narrativa da autora, asegurando que "a súa obra segue viva e vital, axudándonos a interpretar o tempo que vivimos, emocionándonos", se ben este texto está reservado para aproximar o lector ou lectora á súa obra narrativa.

Ao tempo, Marta Dacosta tráenos lembranzas vividas con Villalta nas reunións da AELG, sobre a súa complicidade feminista. "Solidaria, nacionalista, feminista, comprometida... Participou activamente daqueles anos politicamente axitados e esperanzadores, sabendo que o papel que lle correspondía era o de ser voz do seu tempo, voz que sinala e conciencia. Así escribiu para nós", di.

Paulino Pereiro afonda no emprego por parte da autora de Música reservada da arte musical como referente da comprensión da poesía. "Xa desde o comezo da súa creación literaria, Luísa serviuse da arte musical como punto de partida ao que referenciar a súa maneira de entender a poesía, e non só: axiña acudiu ao apoio da música como principal recurso técnico para a elaboración tanto da narrativa como da obra dramática ou ensaística", relata.

Teresa Seara detense na relación da autora de Rota ao interior do ollo coa cultura portuguesa, pois "Portugal exerceu sempre un forte poder de atracción sobre Luísa Villalta". Así o acreditan, entre outros feitos, a súa presenza nas I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, celebradas no ano 1998, e as colaboracións literarias coas Edições Tema, selo que debuta en 1995 cunha obra da súa autoría.

Por último, da man de María Casar Díaz percorrese na compaña de En concreto e Papagaio a cidade da Coruña, esa cidade que a poeta nos descobre viva. "Na escrita de Luísa Villalta o silencio, xunto coa música é un tecido de seda para a súa poesía. Abéirase ao “concreto” para facerse terra, nube e luz nas fronteiras dos ruídos dos outros e constrúe a Cidade que non estaba nos ollos do poder", incide.

 

Comentarios