Contracultura

María Canosa: "A maxia de Muriel, o protagonista, é que moitas persoas se senten identificadas con el"

Despois da insistencia das lectoras e dos lectores, María Canosa vén de publicar 'Muriel. Caos no laboratorio lácteo' (Xerais), a segunda parte dunha historia que segue as aventuras dun rapaz moi normal e do seu raposo, Blim.
A escritora María Canosa. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escritora María Canosa. (Foto: Nós Diario).

—A primeira entrega de Muriel tiña un final aberto, mais tiña a idea de continuar a historia?
Muriel, esa primeira parte, é un libro moi especial para min porque levaba tres anos quedando de finalista no Premio Merlín e á cuarta vez, con esta obra, conseguín gañar. De feito, foi un libro que eu escribín despois de moito tempo intentando esquecerme do que podían agardar os demais dese libro e centrarme no que eu quería: volver ter unha historia semellante ás que a min me gustaban de nena, mesturando fantasía e realidade e cun protagonista moi normal co que me fora sinxelo identificarme. 

Este libro, ademais, levoume por moitos centros escolares nos que fixen encontros moi fermosos e moitas veces me preguntaban o mesmo, se ía facer unha segunda parte. Eu sempre lles dicía que podían darme ideas, mais que non prometía nin que fose utilizalas nin moito menos que fose haber unha segunda parte. Así, decidín contarlles tamén como era o proceso de edición desde o enfrontarse a un papel en branco até enviar o libro a unha editorial sen saber se traballaches para algo publicábel ou non. Houbo un grupo dun colexio moi pequeno ao que eu xa fora noutras ocasións que quedou coa idea, de maneira que sen eu saber nada escribiron á editorial pedindo que publicase a segunda parte porque precisaban saber máis de Muriel.

A editorial non me dixo nada, mais respondeulles por carta dicíndolles que si, que había trato. A través do seu profesor, este grupo fixo unha videochamada comigo para ensinarme as dúas cartas. Pareceume un acto tan bonito e emotivo que xa me tiven que pór a traballar. E, de feito, esta rapazada aparece nesta segunda obra, como personaxes secundarios, como un agradecemento. Para unha persoa que escribe é algo moi fermoso que o teu lectorado consiga algo así. Agora estou tremendamente preocupada por non defraudar, porque ademais o primeiro tamén é o libro favorito da miña filla Ana, que non quixo lelo até que se publicou.

—Seguiu entón algunhas das ideas que lle deran?
No que respecta á historia en si non me deixei influír con eles porque quixen repetir esa fórmula que xa me funcionara: volver pensar no que me gustaría a min como lectora. Tamén é certo que despois de facer estes encontros xa sabía que había certas cousas das que non podía esquecerme, como a relación de amizade entre Muriel e Blim. E, por outra parte, facer unha continuación ou unha segunda entrega tamén é moi diferente porque hai cousas que aforras: a psicoloxía e a personalidade de ambos xa as tiña moi traballadas.

Digamos, sen desvelar moito da trama, que está presente a busca que Muriel fai de si mesmo, porque é un personaxe que sempre se está probando continuamente, vendo até onde pode chegar. El vivía cómodo na súa burbulla, mais un día decidiu rachala e probar cousas novas e coa primeira entrega eu xa vira que estas aventuras de percorrer cada día un camiño un pouco máis longo era algo que gustaba na rapazada. Así, agora Muriel aventúrase un pouco máis, tamén medra e polo tanto pásanlle cousas diferentes, gardando a tenrura e a ilusión. Con todo, creo que posibelmente esperaban algo distinto desta historia.

—Muriel medra como medrou o lectorado?
Esa foi unha dúbida que eu tiven, se manter Muriel como estaba ou facelo medrar. Ao final, pasaron cinco anos desde que esas crianzas leron o libro. Agora xa están no instituto e ao final Muriel si que medra entre unha entrega e outra, mais non tanto. Con todo, pareceume fermoso facelos mirar un pouco cara a atrás, que a pesar de estar xa na adolescencia puidesen sentirse identificados outra vez con ese neno.

Porque precisamente un pouco da maxia deste personaxe é que moitas das persoas se sentían como el, a outras pasáranlles cousas semellantes e iso era algo que eu quería manter ligado á historia.

Máis en CULTURA
Comentarios