“Non faríamos unha boa lectura do Lorca poeta galego se non contextualizásemos os Seis poemas galegos”, escribe, “no conxunto da traxectoria do seu autor e se non tomásemos como punto de referencia o mundo poético que este posuía cando veu a Galiza en 1932”. A esa tarefa dedica Moreno o ensaio 'Danza da lúa en Santiago'. Suxerencias para unha aproximación a Federico García Lorca, poeta galego, núcleo do volume publicado por Galaxia e o Consorcio de Santiago con estudo introdutorio do académico Xesús Alonso Montero.
O texto, redactado arredor de 1985, tiña como destino unha publicación colectivo no 50 aniversario da publicación dos poemas galegos de Lorca. En 2015, recuperouno a revista Madrygal.
Moreno, cuxa propia obra poética só aparecería en público de maneira póstuma -Elexías de luz (2006)-, expón unha analoxía como base da súa tese: “Lorca atópase ao escribir en galego en situación semellante á dos vellos trovadores dos Cancioneiros medievais: estes, por se expresaren nunha coiné, renunciaban deliberadamente á riqueza léxica e gramatical das súas respectivas linguas locais. Aquel, por poetizar nunha lingua que non coñecía, impúxose, seica tamén deliberadamente, severas restricións en recursos expresivos”.
A tradición lírica medieval e o movemento neotrovadoresco -“a escola de avangarda que tiña máis seguidores e máis vixencia entre os poetas galegos de 1932”- consitúen o marco en que García Lorca se expresa en galego. Cando Moreno se refire en concreto a Danza da lúa en Santiago, amplía os seus ecos: “As súas resonancias remóntanse á estética dos Cancioneiros medievais ou á concepción existencial de Rosalía de Castro”.
A incursión do andaluz no galego acontece nunha fase da súa obra en que manda o andalucismo. Poema del cante jondo (1921) ou Canciones (1924) marcan “un avance na maduración do poeta e un considerábel achegamento ao que vai ser o autor dos Seis poemas galegos”. Tamén o fai o xa maduro, un dos seus títulos capitais, Romancero gitano (1928).
“Non hai, pois, nada radicalmente novo nos Seis poemas galegos, nada que non teña o seu precedente na obra lorquiana anterior a 1932”, conclúe María Victoria Moreno, “e, a pesar disto, son galegos, debido precisamente ao andalucismo do seu autor”.