Contracultura

Marta Orriols: "Na miña novela intento plasmar a diferenza que existe entre a pena e a compaixón"

A escritora Marta Orriols (Sabadell, Catalunya, 1975) conversa con 'Nós Diario' sobre 'Aprender a falar coas plantas' (Premio Òmnium á mellor novela do ano en lingua catalá) e que vén de ser publicada en galego por Aira Editorial. A obra conta a historia de Paula, que perde a súa parella nun accidente unhas horas despois de que el lle comunicara que estaba namorado doutra muller. Orriols fala da morte e dos aspectos que a rodean como o dó, a idealización ou a toma de conciencia tras a perda.
A obra de Marta Orriols está traducida a 16 idiomas e xa se pode ler en galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A obra de Marta Orriols está traducida a 16 idiomas e xa se pode ler en galego. (Foto: Nós Diario)

—Cre que hai espazo na nosa sociedade para falar da morte e da dor?
A novela é de 2018 e o outro día reflexionaba acerca disto porque é certo que no seu momento eu sempre explicaba que tiña a sensación de que nos custa falar do dó e da perda, de que vivimos obsesionados con que todo ten que ir ben e estamos metidos nunha especie de fábrica de felicidade. Con todo, tamén penso que a pandemia deu espazo para tratar esta preocupación, as mortes repentinas e a soidade e ademais para tratalo como algo público e comunitario.

Cando consideramos que é algo que pertence ao ámbito privado e non falamos, convertemos estes temas en tabú. Penso que, afortunadamente, cada vez se lle dá máis importancia a estes sentimentos máis profundos, que se non son tratados inclusive poden derivar en problemas de saúde mental. Por iso, agardo que polo menos a pandemia servira para iso, para que a morte e o dó estean enriba da mesa. 

—Non é só como procesa cada persoa a dor, senón tamén como se relacionan con ela as persoas do seu arredor.
De feito, a novela intenta plasmar esa diferenza que hai entre a pena e a compaixón. A pena implica que os que te escoitan e te acompañan están mellor ca ti e non che dá esa calor que posibelmente precisas. Pola contra, a compaixón é cando o outro se pon no teu sitio, sabes que está aí e ás veces non fai falta dicir moito. Precisamente, a palabra compaixón vén do grego e quere dicir sufrir xuntos. É esa sensación de que quen está ao teu lado te comprende. 

—A novela tamén fala da idealización após a morte.
Quería fuxir do drama e situar a acción na encrucillada sentimental de Paula. Isto servíame para tomar distancia e non facer un texto tan lacrimóxeno que me caese das mans. Para min era importante que Mauro fora narrado tal e como era, e iso non significa sacar os trapos sucios, que tamén porque ela descobre que el leva esta dobre vida.

Penso que tendemos a facer da morte algo grandilocuente e cando falamos de alguén que xa non está ás veces hai esta sensación de case convertelo nun santo. É máis xusto lembrar unha persoa tal e como era, coas cousas boas e as contradicións, porque iso é o que nos fai humanos. E a novela fala disto: mentres alguén nos lembre, sempre estamos vivos, mais é importante falar de quen era esa persoa realmente, e iso non sempre son cousas marabillosas, senón xestos pequenos do día a día. 

—Fai falla perder algo para saber o que vale?
Adoita pasar e cando acontece aprendes a apreciar moito máis as cousas que posúes e que dás por sentado. Paula e Mauro tiñan esta relación de moitos anos que se fora desfacendo como pasa en moitas outras e por iso, a pesar de que el estivera con outra, ela chega a entendelo en certa forma. Cando el xa non está, ela dáse de conta de todo o que iso lle achegaba e de canto o quería. Cando falta algo que das por sentado porque xa estaba integrado na túa rutina dáste de conta: sempre criticamos a rutina, mais cando xa non a temos vemos o valor que tiña. 

—Esperaba ver a súa obra traducida a 16 linguas?
Para nada. Eu escribía até cun pouco de medo porque pensaba que a xente non querería ler sobre a morte contada desta forma. Deime de conta de que é ao contrario, que acabas pondo palabras a sentimentos que todos temos, que son moi profundos e que custa expresar. En parte as traducións teñen que ver con isto: é unha historia moi universal aínda que a morte sexa unha experiencia persoal e íntima. O galego ilusióname moitísimo e espero que a xente poida desfrutar da tradución marabillosa que fixo Isaac Xubín.  

Comentarios