Nove relatos nos que mergullarse durante o verán e desfrutar da nosa literatura

Volve o caderno Máis para amenizar o longo verán da man de Nós Diario. Os meses de xullo e agosto virán acompañados de nove relatos por entregas escritos por diversos autoras e autores recoñecidas da Galiza. Encherán o corazón de todo aquel que os queira desfrutar. 
De esquerda a dereita, Rochi Nóvoa Vázquez, Alberto G. Aneiros, Paula Carballeira, Bieito Iglesias, Antía Yáñez,Francisco Xosé Fernández Naval, Concha Blanco, Elena Gallego 
Abad e Leandro Lamas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera De esquerda a dereita, Rochi Nóvoa Vázquez, Alberto G. Aneiros, Paula Carballeira, Bieito Iglesias, Antía Yáñez,Francisco Xosé Fernández Naval, Concha Blanco, Elena Gallego Abad e Leandro Lamas. (Foto: Nós Diario)

As novelas e relatos por entregas eran moi comúns durante o século XIX. Consistían nunha forma sinxela de enganchar a lectora ou o lector semana tras semana e, ademais, dar a coñecer os diversos escritores que querían mostrar a súa pequena perspectiva literaria. Un ano máis, Nós Diario retoma este vello costume xornalístico. Unha morea de sentimentos e historias inundarán as páxinas do caderno Máis durante este verán 2024.

Deste xeito, a partir da vindeira terza feira, 2 de xullo, e até o sábado 31 de agosto, o caderno Máis que acompañará Nós Diario proporá cada semana un novo relato por entregas. Nove autoras e autores achegarán un anaco da súa maneira de entender a literatura e de ver o mundo: Rochi Nóvoa Vázquez, Alberto G. Aneiros, Paula Carballeira, Bieito Iglesias, Antía Yáñez, Francisco Xosé Fernández Naval, Concha Blanco, Elena Gallego Abad e Leandro Lamas serán os encargados de desenvolver este labor cada día desta temporada estival.

As creadoras de universos

A primeira edición chegará da man de Rochi Nóvoa Vázquez, mestra e escritora. Ademais de ser a fundadora do Tangaraño Cultural de Sobradelo, súa vila natal, ten unha longa traxectoria no mundo da poesía. Cos pés na terra e a alma na Lúa (Lulu, 2009) foi o seu primeiro poemario, seguido de preto por Sen ti son Eu (Edición dixital, 2012). Entroideira de corazón, foi a encargada de recuperar a figura do Farrumecos, un dos personaxes típicos do Entroido da súa contorna. O Farrumeco que se atopa no Museo Galego do Entroido de Xinzo (A Limia) foi cedido pola propia Nóvoa.

Alberto G. Aneiros tomará o relevo. O ferrolán é un experto no mundo dos relatos. Conta con numerosos premios á súa obra, como o Certame Literario Valle-Inclán (2008) ou o Certame de Narrativa Curta Ánxel Fole (2010). Posúe diversos libros publicados, como Enredados (Embora, 2023) e Ninguén e compaña: relatos abreviados (Toxosoutos, 2023).

Paula Carballeira conta cun longo palmarés premiando a súa traxectoria na literatura infantil e xuvenil. O Premio Nacional de Literatura Dramática (2023) ou o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil -que recibiu en até tres ocasións, 2006, 2011 e 2018-, son algúns dos recoñecementos aos seus libros traducidos a máis de dez linguas, entre as que se atopan inglés, éuscaro ou incluso turco ou chinés. A súa última publicación é Trece Avisos. Contos para ler pola noite (Xerais, 2022).  

Un escritor con alma de columnista e actor de dobraxe é o encargado do relato que se publicará entre o 23 e o 27 de xullo. Bieito Iglesias é o creador de obras como A noite das cabras do aire (Xerais, 1999) ou O mellor francés de Barcelona (Galaxia, 2000), gratamente galardoadas. Mais recentemente, Iglesias publicou Unha gripe cabaluda (Aira, 2024). O Premio Merlín de Literatura Infantil (1999) ou o Premio da Crítica (2001) son algúns dos recoñecementos que o ourensán leva ao seu lombo. 

A máis nova deste conxunto de célebres escritores é Antía Yáñez e será a responsábel do primeiro relato de agosto. Tras o seu éxito na literatura infantil con O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), Yáñez decidiu mergullarse na novela para adultos con Senlleiras (Galaxia, 2018), gañadora do Premio Illa Nova de Galaxia de 2018.  A súa última obra é Non penses nun elefante rosa (Xerais, 2022), que tamén foi a primeira traducida a catalán e castelán. 

Un ourensán e xornalista de corazón será o seguinte en abrirnos as postas ao seu mundo literario. Francisco Xosé Fernández Naval cultiva a ficción literaria a diferentes niveis -desde a poesía á novela, pasando polo relato- así como outras modalidades entre as que se inclúen as guías de viaxe ou os ensaios. Desempeñouse tanto en narrativa, como en poesía e en ensaio, con obras como Alma e o mar (Galaxia, 2017), Os contos da avoa Pepa (Kalandraka, 2018) ou Bater de sombras (Espiral Maior, 2010). 

Recoñecida co Premio Frei Martín Sarmiento en dúas ocasións, 2008 e 2020, Concha Blanco será a autora do relato publicado entre o 13 e o 17 de agosto. Conta cunha extensa obra na literatura infantil e xuvenil, sendo Feminino singular, en plural (Baía, 2020) e Eu tamén fun pequena (Xerais, 2023) é a súa última obra publicada de forma individual. 

Elena Gallego Abad é a autora da coñecida saga fantástica "Dragal", que conta con cinco libros publicados entre 2010 e 2019 moi afamados. Foi igualmente galardoada co Premio Frei Martín Sarmiento (2012) en recoñecemento á súa grande achega á literatura xuvenil. Actualmente é representante territorial do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza.

O derradeiro autor desta edición de relatos por entregas é Leandro Lamas. Ademais de escritor, o naronés é pintor e ilustrador profesional. A súa paixón iniciouse cunha exposición en 1998, en Ferrol. Desde aquel momento, comezou a participar en mostras tanto do panorama nacional como do español e portugués. Adícase ademais á ilustración de libros e discos.


Unha nova aposta polo relato e as letras do país

O  caderno Máis ofrece este verán unha nova edición de relatos por entregas, cunha remesa de autores e autoras do panorama galego actual. Son creadores e creadoras de universos en xéneros moi diversos: literatura infantil, misterio, poesía... A nova proposta chega tras o éxito da anterior edición de relatos por entregas na que participaron, no verán de 2023, firmas de primeiro nivel da Galiza como son Diego Ameixeiras, Beatriz Maceda, Antón Cortizas, Ana Cabaleiro, María Canosa, Henrique Rabuñal, Eva Mejuto, Xosé de Cea e María Rei Vilas. 

Todo o que ofrece o caderno 'Máis'

Ademais dos nove relatos, Máis achegará desde o 2 de xullo até o 31 de agosto os contidos máis frescos para esta tempada de verán. Festas de interese turístico, feiras gastronómicas, lugares a visitar, etc. O caderno ofrecerá múltiples reportaxes enfocadas no lecer para desfrutar da Galiza e de todos os seus recunchos. Na primeira edición, que sairá a vindeira terza feira, 2 de xullo, trataranse acontecementos como a feira do viño da Ribeira Sacra (Terra de Lemos) ou a Mostra de Teatro de Cangas (O Morrazo), ademais dunha recomendación das mellores tabernas e locais gastronómicos, illas, praias fluviais ou espazos naturais que coñecer.

Comentarios