Mofa e Befa estrean o espectáculo 'Pirolíticos' no FIOT de Carballo

A obra do dúo cómico, que fai 30 anos, é unha crítica á sociedade patriarcal.
Presentación do espectáculo no FIOT de Carballo, esta segunda feira. (Foto: FIOT)
photo_camera Presentación do espectáculo no FIOT de Carballo, esta segunda feira. (Foto: FIOT)

O Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT), organizado en Carballo, acolleu esta segunda feira a preestrea de Pirolíticos, o novo espectáculo de Mofa e Befa, que neste 2022 fai 30 anos nos escenarios. Evaristo Calvo, integrante do dúo cómico xunto a Víctor Mosqueira, asegurou que este municipio é "o mellor" para celebrar a efeméride.

Con esta obra, da que o público poderá gozar esta sexta feira, día 7 (21 horas), Mofa e Befa emprenden o seu proceso creativo "máis arriscado e experimental". "Haberá humor, sarcasmo, ironía e, por suposto, perrallada", avanzou Calvo sobre esta obra "rupturista".

Pirolíticos é unha peza dirixida por Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao, tres mulleres que asinan este "convite á reflexión" sobre o "impacto do patriarcado nos propios homes".

A obra pon o foco no home que simpatiza coa teoría feminista, "pero que ten que enfrontarse á cultura machista profundamente instalada na nosa sociedade", salientaron.

Na mesma liña, Evaristo Calvo, que este ano foi nomeado Xograr de Outono do FIOT, dixo que Pirolíticos é "unha revisión das actitudes machistas, micro e macromachistas, coas que convivimos cada día", co obxectivo de "entreter e pór o foco desde a comedia" sobre a idea de que o feminismo "levará este mundo a ser mellor".

Á preestrea asistiron, alén de Calvo e Clara Gayo, o director do certame, Alberto Sueiro; o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Por outra parte, co gallo do 30º aniversario do dúo cómico, esta quinta feira (20 horas) inaugurarase a exposición Trinta anos de Mofa e Befa, que percorre a súa traxectoria desde os anos 90. Aliás, o artista Yoseba MP dedicaralles un mural bautizado como Derrubando muros.

Máis en CULTURA
Comentarios