Segunda novela da autora de 'Escapados'

Mosaico sobre mulleres que loitan

Con Escapados, María del Carmen Rey Núñez presentouse no campo literario cunha historia de maquis no Monte Pindo, asentada en feitos históricos. Autodidacta, a escritora recunca agora cun mosaico de “mulleres que levantan a cabeza, que saen adiante polos seus propios medios” e que titulou directamente Mulleres.
 

greve feminista mulleres 8m
photo_camera Imaxe da folga do 8M o pasado ano. Foto: cedida.

Ambas as dúas obras de Rey Núñez (Mazaricos, 1961) están publicadas por Toxosoutos. “Mulleres é unha historia centrada nas vidas de varias mulleres e en como se fan coas rendas da súa existencia arrespoñéndose a todo ao que o mundo as condenou”, explica a editorial, “pode unha muller escapar dun destino marcado pola adversidade?”.

Logo de se adentrar na historia -Escapados decorría nas dúas décadas que seguiron á Guerra de 1936-, a escritora escolle agora o presente. No Prólogo de Mulleres expono sen medias tinas, ao tempo que sinala algunhas vértebras do libro: as maternidades e as condicións de dominación que implican, as decisións libres, as responsabilidades compartidas.

Rey Núñez estruturou a novela en breves capítulos, a partir dos que tece unha narración de corte realista e unha tese, explícita desde o limiar: “Coido que tanto o home como a muller deberan ter as mesmas funcións e gozar dos mesmos dereitos”.

Máis en CULTURA
Comentarios