De Ninghures, a Costa da Morte e a Illa de Cortegada protagonizan o 'Sermos Galiza'

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 8 de xuño, acompañando o xornal 'Nós Diario'. 64 páxinas por só 3,20 euros!
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana.

Como é habitual, este sábado, 15 de xuño, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta volta a protagonista é a banda De Ninghures, entrevistada pola xornalista Ana Loureiro nun ano cheo de alegrías para esta formación e no que o premio aRi(t)mar á mellor canción da Galiza (por Morena) semella só o comezo da súa viaxe pola xeografía galega.

Aldara Palmeiro, Hadrián García, Manuel Fernández 'Cataqui', Adrián Méndez, Manuel Lucas, Marta Álvarez e Tomé Mouriño compoñen De Ninghures. Aínda que, malia todo, seguen sendo, como recolle o seu primeiro disco, 'de Aquí'. Así, cos pés arraigados na terra continúan experimentando entre sons electrónicos e de culturas afastadas no espazo para volver interpretar a propia tradición.

Unha viaxe á fin da terra

Nas primeiras páxinas do semanario poderase atopar un reportaxe moi visual, un retrato da realidade etnográfica da Costa da Morte a través da fotografía. O xornalista Rafa Ruíz-Matas repasa o libro Finis Terrae, no que un fotógrafo de repercusión internacional como é Marcos Rodríguez recolle coa súa mirada singular a realidade deste recuncho da Galiza.

Séculos despois da caída do Imperio romano, a influencia da súa lingua aínda perdura na Galiza actual. O latín renace en 'Finis Terrae', un libro fotográfico de Marcos Rodríguez publicado pola editorial Canela que recompila as tradicións e os costumes da Costa da Morte. A través de 170 imaxes, esta obra homenaxea o modo de vida das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra, Xallas e Muros.

Vilagarcía contra a monarquía

Montse Fajardo achéganos un contencioso para a historia. Non é para menos, pois se Cortegada (Carril, Vilagarcía) é hoxe parte do parque nacional Illas Atlánticas é porque en 1979, en plena efervescencia borbónica, houbo un avogado antifranquista, Benito García Dorgambide, que se atreveu a interpor un contencioso contra Juan de Borbón por venderlle a unha inmobiliaria a illa que o pobo lle regalara a Alfonso XIII para construír un palacio que nunca fixo. De non ser pola súa loita, probabelmente tería sido urbanizada. Todos os detalles desta longa historia son analizados por Fajardo nesta reportaxe.

Literatura, música, cinema... e máis!

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro achégannos as novidades no sector literario, a comezar por Un anarquista, de Diego Ameixeiras (Xerais, 2024), e a seguir por Puberdade em marcha, de Gloria A. Calvo, Camila Lynn e Agostina Mileo (Kalandraka, 2024).

No apartado musical, Belém Tajes o disco 'Encantado' (Som Livre), o sexto álbum de estudio do cantautor brasileiro Silva. Achegamos tamén outras novidades e recentes estreas do panorama musical galego. Aliás, César Morán asina o artigo 'Mais sobre a palavra e a música'.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme A última sesión de Freud (Matt Brown, Reino Unido), así como outros títulos de estrea e clásicos da gran pantalla. Ademais, o Colectivo Xea da Serra da Muralla, entre as comarcas do Barbanza e de Noia, na sección Andar e Ver.

Manuel Xestoso fala da obra teatral Helen Keller, a muller marabilla?, dirixida por Xesús Ron, ademais de achegar as principais novidades na escena. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o 'Sermos Galiza' este sábado, 8 de xuño, acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios