Esta sexta feira en Compostela

O regreso de Kiko Neves

Foi talvez a voz máis salvaxe da poesía dos 90. Os seus textos relataban vidas periféricas en pequenas cidades grises, o traballo como condena e explotación, unha rabia existencial sen concesións, pouca esperanza. Aquela ollada directa, dura e sensíbel a un tempo, ocupou tres libros de poemas, un de relatos e unha novela. Despois esvaeuse. Agora, Kiko Neves (Ponteareas, 1969) regresa, mais ao vivo e con músicos á beira.
 

KNeves no autoblues fornelos-chicago
photo_camera Actuación de 'KNeves no autoblues fornelos-chicago' en Salvaterra do Miño.

Esta sexta feira, 26 de xaneiro, a Gentalha do Pichel de Compostela acollerá o novo proxecto de Neves, KNeves no autoblues chicago-fornelos. Novo relativamente: aínda que apenas transcendeu as lindes da bisbarra do Condado, hai cinco anos que ensaian e tocan (pouco) en público. “Quería combinar a miña poesía coa música e as cancións de Fornelos, o Johnny Cash do Condado”, explícase Neves, “e, por circunstancias, acabamos montando unha banda. Amais de Fornelos, está o guitarrista Philip Chicago, David o Inglés ao baixo e o batería Gigo”.

Os concertos deste ensemble adoitan arrincar cun recitado do poeta. “Emprego poemas que non están publicados”, conta, antes de se corrixir a si mesmo: “Ben, un deles si, nunha publicación do concello, pero non en libro”. Nun arde casa consistorial. Outro foi construído “ao longo de dez anos, foise modificando ate se facer máis preciso”. De fondo, os experimentados instrumentistas acolchan con ecos blues a súa poesía descarnada, violenta.

“Hai vinte anos, cando saiu Ruído de motos, chamáronme para moitos recitais. Fixen algúns cun guitarrista, que tocaba blues moi seco. Prestábame moito”, lembra. Así foron os primeiros contactos entre poema e música para Kiko Neves. A quen, hoxe en día, lle reina a indietrónica de Cinta Adhesiva, a proposta da poeta Silvia Penas (Vigo, 1980). “Contoume unha vez que ela me escoitara na época de Ruído de motos. É bonito pensalo”, di.

Hai vinte anos do primeiro libro de Neves e oito do último, a novela O día en que morreu Steve McQueen (2010), escrito, ademais, moito antes. Por que abandonou a literatura? “Mátasme con esa pregunta”, responde, “o caso é que hai que vivir de algo. E o meu traballo esprémeme o cerebro. Déixamo cuadriculado. É unha vitoria do capitalismo sobre min. As miserias do autónomo”. Traballa nunha xestoría. Porén, continúa a escribir, “notas soltas, libretas que algún día haberá que corrixir”.

Contra unha lectura superficial e a aparencia espontánea, a escritura de Kiko Neves é produto do traballo. E, polo tanto, do tempo. “Gústame traballar moito os poemas, ate que quedan como eu considero que deben quedar. Non me dan as horas”. A súa atención ao que acontece nas letras, con todo, mantense. “O último libro de Elvira Riveiro (Pontevedra, 1971) paréceme moi bo”, expón de primeiras. Refírese a Welcome to Sing-sing (2017). Na singular autobiografía da súa páxina traza un mapa de intereses literarios: Charles Bukowski, Manuel Antonio, Roger Wolfe, Raymond Carver, Antón Reixa e defender Libia das gadoupas do imperialismo.   

KNeves no autoblues chicago-fornelos estreouse no Festival de Poesía do Condado de 2016. Ese mesmo ano pasaron polo Culturgal, en Pontevedra, e despois pola feira do libro de Ponteareas. Tras a actuación na Gentalha do Pichel -sexta feira 26 de xaneiro ás dez e media da noite-, pisaran escenarios no Barbanza ou no Baixo Miño.

Comentarios