Aquel gaiteiro superdotado é agora cantor acústico e de rexistro pop. “Un universo ultramoderno cun pé na raíz e outro no abismo”, sinala nota promocional, “o abismo da creatividade, cheo de arraigo e de fame de risco”.
Para este punto de inflexión da súa carreira, Budiño -natural de Moaña- decidiu rodearse de amigas e colegas. Para as letras e para a instrumentación. Aínda que Fulgor se compón de nove cancións orixinais, compostas e producidas e cantadas polo propio Budiño -e mais a versión de Bos amores, poema de Rosalía de Castro e música de Narf-, nos seus sucos aparecen Xoel López (guitarra e coros en Santiago) ou Jairo Zavala, de Depedro (guitarra na mexicanizante Frida).
Ademais, a poeta Antía Otero escribe os versos de Pulso, e Xoel López os de Santiago. Tamén participa “o sotaque lusoafricano” do guitarrista Luiz Caracol, o galego Antonio Casado e o Cuarteto Quiroga, recente Premio Nacional de Música. Brais Morán ao baixo á guitarra e aos coros, Fran Sanz ao baixo e Budiño á voz, frauta, piano e guitarra completan o son da obra.
“Despois de seis anos de silencio, Budiño agasállanos cun disco máis plural, máis sen xénero, máis de aquí e de alá, máis aberto e máis de todas”, explica na web do artista, “chegou Fulgor porque todo brilla, todo resplandece. Un Fulgor para unha nova etapa que xa non soa a silencio”.
Despois do concerto compostelán, Budiño actuará na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro, o 23 de marzo.
Nota: cuberta de Fulgor, o último disco de Xosé Manuel Budiño.