Volven ao Salnés 'Os Xoves de Códax': consulta aquí a programación completa

As e os amantes da música e do viño teñen unha oportunidade única de gozar de recoñecidos e recoñecidas artistas nunha contorna moi especial entre o 11 de xullo e o 8 de agosto.
A adega Martín Códax acolleu onte o derradeiro concerto do ciclo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Santiago Auserón fechou o pasado ano o ciclo 'Os Xoves de Códax'. (Foto: Nós Diario)

Un ano máis, e con esta xa van once edicións, Bodegas Martín Códax presenta o ciclo musical 'Os Xoves de Códax'. As e os amantes da música e do viño teñen unha oportunidade única de gozar de recoñecidos e recoñecidas artistas nunha contorna moi especial, e os concertos, que se organizarán cada quinta feira desde o 11 de xullo até 8 de agosto ás 20.30 horas, estarán marcados pola "gran variedade de estilos fusionados entre si", salientan desde a organización.

Esta nova edición está caracterizada pola mestura musical e cultural, que abrangue desde o flamenco ou a electrónica até a música de raíz galega, e que "dá o valor engadido, unha vez máis, ás propostas culturais da adega". Os concertos, como vén sendo habitual, serán na terraza de Bodegas Martín Códax, onde todas as persoas asistentes gozarán das actuacións "no marco dos atardeceres únicos que ofrece O Salnés", mentres degustan os viños da adega.

"Desde os seus inicios, Bodegas Martín Códax leva no seu corazón o compromiso coa música e a cultura galega. O nome da adega, inspirado no ilustre trobador Martín Códax, é unha manifestación clara dese compromiso, e que se reflicte na participación activa da bodega en eventos que promoven a nosa herdanza cultural", subliñan desde a adega. "Cremos firmemente na importancia de apoiar e promover a cultura en todas as súas formas, recoñecendo que enriquece as nosas vidas e fortalece a identidade da nosa comunidade", destaca o seu director de Márketing, Jorge Pallarés.

A recadación do ciclo 'Os Xoves de Códax' destinarase a apoiar e colaborar con diferentes proxectos sociais, un por concerto, "unha testemuña do compromiso continuo da empresa coa sustentabilidade social da sociedade galega". Ao longo das dez edicións realizadas até o momento, este ciclo cultural conseguiu destinar máis de 220.000 euros para numerosos e diversos proxectos sociais con impacto no país. "Estes fondos non só financian proxectos vitais para diversas causas solidarias, senón que tamén promoven unha maior concienciación e colaboración comunitaria en toda Galiza", afirman.

Para asistir a cada un dos concertos do ciclo será preciso adquirir a entrada na páxina web de Ticketrona. A partir da vindeira cuarta feira, 26 de xuño de xuño, ás 12 horas, poderán mercarse as entradas dos concertos programados para xullo e agosto. Poranse á venda un total de 350 entradas por concerto e a compra estará limitada a catro entradas como máximo por persoa para cada un deles. As entradas terán un prezo de 30 euros por concerto, e o acceso estará prohibido a todos os e as rapazas menores de idade.

Programación d'Os Xoves de Códax'

  • 11 de xullo: Miguel Lamas & Miguel Poveda
  • 18 de xullo: Sumrrá & Niño de Elche
  • 25 de xullo: Moisés Fernández con “La fiesta del sur” & Antonio Carmona como artista invitado
  • 1 de agosto: Mondra
  • 8 de agosto: A Pedreira

Máis en CULTURA
Comentarios