Anxo Outumuro: "Na peza, o italiano Carlo Giuliani humanízase e a súa non é unha morte máis; é un vivo"

Durante a pasada fin de semana, a sala de teatro Ártika de Vigo acolleu a estrea de Ragazzo, dirixida por Xavier Castiñeira e escrita por Lali Álvarez. Trátase da primeira produción da compañía Barrosanta, promovida por Anxo Outumuro, que tamén participa na obra interpretando o seu protagonista.

Anxo Outumuro - Culturactiva
photo_camera Anxo Outumuro, titulado recentemente en Interpretación, é promotor da compañía Barrosanta. (Foto: Culturactiva)

Ragazzo conta a historia do activista Carlo Giuliani.

Si. O que busca a autora é relatar os feitos da súa morte, pero desde a ficción. Fai un teatro documental sen ser desde o puro documento. Fantasía cos tres últimos día de vida de Carlo, aínda que evidentemente el non sabe que é así. Nese tempo, fai o que calquera mozo de vinte e tres anos: asiste a un concerto, participa en asembleas, ten unha cita... Segue a súa vida habitual baixo o contexto histórico do cumio do G-8 que houbo en Xénova en 2001 e, sobre todo, no contracumio que puxo en marcha a sociedade con todas as manifestacións e os disturbios.

É moi bonito ver a historia non soamente contada, senón vivida pola propia personaxe. Desde a ficción e a humanidade que se lle dá, acábase por non martirizar a Carlo. A autora, ademais de contar coa documentación gráfica que existe dese momento, tamén tivo a oportunidade de conversar coa súa nai e contar así con moita información persoal que non ten que ver coa súa figura de activista.

Busca, entón, achegar toda esa dimensión ao público.

Sobre todo, que se toque un pouco máis de perto e que non quede como algo meramente documental, aínda que si o sexa. Pretende levar a historia ao espectador, pero faino desde un punto de vista moito máis humano. Humanízase e non é unha morte máis, senón un vivo. Nós dicimos que a peza é un canto á vida é a liberdade, é o que busca. Ademais de, desde logo, achegar á xente a historia da propia morte.

Que outras temáticas se abordan na función?

Todo o que se intenta expoñer desde a súa personaxe é, realmente, toda a ideoloxía que se formulaba no contracumio, co foro asembleario que se organizou na cidade de Xénova para reivindicar o movemento antiglobalización. Non fala só da súa morte, senón de todo ese movemento, así como da loita do pobo saharauí, do feminismo e doutras temáticas comprometidas socialmente.

Como nace a compañía de teatro Barrosanta?

É un proxecto holístico coa propia peza, nace con ela e para montala. Fixen unha primeira versión desta interpretación como o meu traballo de final de carreira e agora nace como plataforma para darlle forma profesional. Xorde exclusivamente para levar este texto á escena, aínda que oxalá nun futuro poidamos seguir construíndo novas pezas. É unha compañía de nova e recente creación, pero gústame dicir que non somos unha compañía emerxente por dous motivos. Por unha banda, porque se o sistema di que é emerxente e eu digo que non o son, xa lle estou levando a contraria. Como nós poñemos en escena unha personaxe que fala do movemento antisistema, ten sentido que a produción e as estratexias empresariais tamén sexan antisistémicas. É importante que todo o que se fai desde a produción teña un sentido e unha coherencia co que se fai sobre o escenario.

Ademais, non creo que ser emerxentes sexa unha característica que destaque a Barrosanta. Hai moitas cousas que se poden dicir de nós antes que iso: que é unha compañía de teatro político e contemporáneo e comprometida socialmente. 

Por que elixiu este texto?

Puiden ver a versión orixinal que dirixiu a propia autora. Non coñecía a historia e impactoume moito, sobre todo chegar a ela da forma na que se conta. O título reflexa precisamente esa tese que destaca o texto, que se trata dun "ragazzo" calquera e que lle ocorreu a el como podería terlle tocado a quen tiña ao seu carón. Eu tiña vinte anos cando a vin e o potente é decatarte de que podería ser eu e terme pasado a min. Foi o que me relanzou para traballar e poder levala á escena. Logo, as linguaxes contemporáneas e teatrais que emprega son fantásticas. Tiña ganas de traer á Galiza este espectáculo traducido ao galego, xa que me parece necesario non so polo que conta, senón tamén por como se conta.

Comentarios