Xurxo Souto enxalza o papel da comunidade de artistas da Galiza

Emilio Cao foi o receptor do Premio Honorífico da 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música
Xurxo Souto
photo_camera Xurxo Souto (Foto: Nós Diaro)

Con Ti que me levas, o tema que Xurxo Souto converteu no himno da 11ª edición dos Premios Martín Códax da Música, arrancaba a gala esta cuarta feira, 15 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra. O condutor da entrega de galardóns, xunta á banda Xangai, marcouse como obxectivo converter nesa noite o colectivo de artistas nunha voz, diversa, pero rebordante de forza e de cohesión.

Souto fixo fincapé en que "somos un pobo de artistas que levamos 800 anos facendo música en galego, desde o tempo do propio Martín Códax".

 Aproveitando a proximidade do Día das Letras Galegas, Xurxo Souto enxalzou a figura de Luísa Villalta -especialmente do seu ensaio O outro lado da música, a poesía- para reivindicar a continuación que "Luísa Villalta non é patrimonio exclusivo da literatura, porque como ela mesma indicou nese libro, música e poesía son o mesmo".

Nesa liña de pensamento, Souto destacou que os clásicos da música galega que interpretou a banda Xangai, "son tamén clásicos da poesía galega".

"Isto non é unha gala, é unha gran celebración da selva diversa da música galega", proclamaba o escritor e músico. "A música é o sector máis dinámico da cultura galega e por fin está organizado".

Esa creatividade debe ser, seguía Xurxo Souto, colectiva. "Contra a idea de éxito, que é unha expresión do capitalismo levada á música, debe prevalecer a idea de facer música para compartir cos demais. Un programa como Operación Triunfo é unha obscenidade. A música non está feita para triunfar, senón para compartir cos demais".

 

Quince categorías

Os Martín Códax recoñeceron co Premio Honorífico a Emilio Cao, e na categoría de Artista Emerxente á compostelá Gloria Pavía. Nas quince categorías artísticas dos Martín Códax subiron a recoller 0 melómano deseñado por Victor Lorenzo: Her Anxiety, Guadi Galego, Brais Morán & Nasaufunk, Mondra, Caamaño & Ameixeiras, Os Melidaos, Catuxa Salom, Agrupación Musical de Goián, Terbutalina, hydn, América de Vigo, Carme López, Pablo Sanmamed Trío e Benxamín Otero, Lucía Aldao e Uxía Lambona e a Banda Molona.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, entregaron Premios Organistrum a proxectos de comunicación (Miudiño Sessions), festivais (As Nosas Músicas de Couso) e salas (A Arca da Noe). A gala puido seguirse pola plataforma da CRTVG agalega.gal.

 

Máis en CULTURA
Comentarios