Preséntanse as Actas do I Congreso Internacional do Teatro Galego

En outubro de 2020 tivo lugar o I Congreso Internacional do Teatro Galego, un encontro sen precedentes que pretendía estudar o pasado e o presente da escena galega para deseñar o que había de ser no futuro. Agora preséntanse as Actas daquel simposio, un imprescindíbel mapa de ruta para o porvir.
Eduardo Alonso, á dereita, xunto co tamén director Xulio Lago, nunha sesión do Congreso. (Foto: Martín Lagoas)
photo_camera Eduardo Alonso, á dereita, xunto co tamén director Xulio Lago, nunha sesión do Congreso. (Foto: Martín Lagoas)

Estaba programado para marzo de 2020, e entón apareceu a pandemia. Aprazouse até outubro daquel ano, e malia as desalentadoras restricións sanitarias, logrou un éxito sen precedentes no mundo do teatro galego, e mesmo no peninsular. O I Congreso Internacional do Teatro Galego decorreu case como unha metáfora do propio teatro do país: loitando desde o inicio contra as circunstancias adversas. O vindeiro día 10 preséntanse no Consello da Cultura Galega as Actas de aquel encontro no que estiveron presentes todos aqueles que son alguén no mundo escénico galego. "Estades facendo historia, o que se está dando aquí non se fai en ningún outro sitio do mundo", sentenciou Guillermo Heras, naquela altura presidente da Asociación de Directores de Escena de España, o día da clausura. 

Mil páxinas que resumen o repaso que se lle fixo ao que foi o teatro galego, ao que é e ao que pretende ser. Eduardo Alonso, un dos directores de escena máis veteranos do país e vicepresidente da Academia Galega de Teatro, fai balance en conversa con Nós Diario, do que significou aquel evento: “Pensamos que o Congreso deu suficientes pistas para saber por que camiños debe ir o traballo futuro e cales son as liñas que se deben implementar tanto a nivel profesional como a nivel político. O Congreso foi internacional e marcáronse liñas moi específicas, que aparecen moi detalladas nestas Actas, e que están avaladas por datos moi contundentes e polos estudos de persoas que están analizando a actualidade internacional do teatro”. 

A necesidade do Congreso veu dada pola percepción xeral de que o teatro galego estaba instalado nunha especie de crise silenciosa que o estaba estancando. “O Congreso organízase porque no sector falábase, desde había xa algún tempo, da necesidade dun cambio de paradigma, de que se non había saídas posíbeis e de que había elementos de base que estaban fallando”, explica Alonso. “Había que organizar un encontro en que todo mundo dese a súa opinión, explicase a súa experiencia e, sobre todo, expuxese a súa análise da situación. E se se len atentamente as Actas que agora van saír, pódese seguir con claridade o itinerario das artes escénicas galegas. O Congreso, nese sentido, pretende ser non un punto de partida, senón un lugar de inflexión que teña en conta a nosa historia". 

O diálogo coa política 

Mais para ese cambio de paradigma necesario precísase da complicidade da política. E o clima de diálogo entre o sector do teatro e as Administracións non se caracterizou case nunca pola súa fluidez. Existe actualmente algún sinal de que esa relación pode mudar para propiciar o cambio de paradigma? “O diálogo sempre foi complicado”, confesa Alonso entre risas. “Creo que no Congreso se definiu moi ben onde queren situar o teatro as Administracións: no mundo das industrias culturais. E o teatro pode ser nalgúns aspectos, algo semellante a unha industria cultural, pero por definición, non o é. As compañías non deben ser empresas con ánimo de lucro, iso desnaturaliza o carácter de servizo público que deben ter a arte e a cultura. É preciso buscar outro espazo desde o que a Administración se relacione coas artes escénicas. A directora Cristina Domínguez analiza moi ben a terceira vía que se está explorando, por exemplo, no Canadá, unha solución que sitúa a creación nun espazo intermedio entre a empresa privada e a Administración pública, para o que se precisan cambios lexislativos”. 

Por outra parte, un sempiterno debate sobre o modelo de creación fócase no papel dos teatros públicos, do aproveitamento dos edificios, que moitos cren necesario converter en lugares non só de exhibición, senón tamén de creación e mesmo de debate sobre esta. “Durante a década de 1980 houbo un proceso de creación de contedores culturais, de teatros e auditorios”, precisa o vicepresidente da Academia. “Mais desde aquela, abandonouse a discusión sobre que facer con eles, co cal temos unha chea de contedores sen contido. Esa transformación dos teatros en lugares de creación e de reflexión é outro concepto que apareceu reiteradamente no Congreso e que transformaría o sistema de relación dos creadores e creadoras co público”. 

Unha gran potencia creativa sen desenvolver 

A exhaustividade do Congreso queda fóra de dúbida: falouse de creación e de exhibición, mais tamén de ensino do teatro e do teatro no ensino, de crítica, de relación cos medios, de teatro afeccionado e de teatro universitario, de edición de textos teatrais e da lingua nos textos; analizáronse modelos peninsulares, europeos e americanos na busca de elementos que puidesen mellorar o noso sistema; pasouse revista a máis de corenta anos de teatro profesional galego... E unha das conclusións foi que o nivel creativo do teatro galego estaba moi por riba das ferramentas institucionais que tiña para desenvolverse. 

Alonso concorda, satisfeito: “Hai unha riqueza, unha diversidade e unha vitalidade creativa que non se corresponde coa situación das súas estruturas. O cal nos fai pensar que se os apoios fosen outros, o avance sería sideral. Por iso quixemos reflexionar sobre o lugar de onde partimos: dunhas estruturas económica e politicamente moi pobres, pero dunha potencia creativa inusitada. Case parece inconcibíbel que exista esa creatividade nestas circunstancias, pero ás veces, as flores máis fermosas nacen en terreos baldíos”. 

Vontade política e orzamento europeo

Sobre as posibilidades dun cambio real no mundo da cultura e do teatro, Eduardo Alonso tira de ironía: "Eu creo que o teatro galego está preparado para que se dea un cambio político", declara entre risas. E continúa: "Hai cousas que fan sospeitar. Sempre se nos di que para efectuar determinados cambios fai falta diñeiro, o cal é certo mais só en parte: o fundamental é que haxa vontade política. Pero agora chegaron os cartos: viñeron catorce mil millóns de euros de Europa para as artes escénicas do Estado Español. E en 2023 chegarán outros sete mil.  Polo tanto, este é o momento de demostrar que existe esa vontade política de transformar, de cambiar o paradigma e de apoiar o teatro galego para que poida despegar e pórse ao nivel que merece". 

Máis en CULTURA
Comentarios