Primeiro concerto-homenaxe a Narf en Boiro, estatua incluída

O vindeiro xuño terá lugar en Boiro a primeira homenaxe en forma de concerto ao músico Fran Pérez, Narf, no que ademais se inaugurará unha estatua na súa memoria. Non será a última. 

narf-pousada
photo_camera Fran Pérez, Narf, na Pousada das Ánimas

Moitos artistas lle teñen dedicado concertos desde o seu pasamento o pasado novembro, como a súa última compañeira artística Uxía, ou Jabier Muguruza, ou o último festival Cantos na Maré, no que o músico compostelán foi recordado de forma reiterada. Pero o primeiro concerto-homenaxe terá lugar o vindeiro 10 de xuño ás 21 horas na Pousada das Ánimas, o local de música ao vivo de referenza do Barbanza.

Nel participarán artistas chegados de diferentes puntos do globo, como o mozambicano Cheny Wa Gune, que ten compartido con el proxectos musicais, ou Joao Gentil desde Portugal; alén dos Chévere, compañía na que colaborou durante moitos anos, e outros artistas galegos como Uxía, Marcos Teira, Najla Shami, Guadi Galego, Ramón Orencio (Mr. Cool), Nastasia Zurcher, Barahúnda, Santi Araujo, Pepe Bao, Guillermo Cid ou Aida Beiroa

Suso Santamaría: "Para min era un exemplo, era un tipo que quería ir de perfil baixo, sempre quería pasar desapercibido, pero era un home de grandísimo talento"

A recadación da noite (tamén hai unha fila 0) servirá para sufragar os gastos da estatua que se colocará na rúa, xusto diante do local, a poucos metros da de Javier Krahe, outro amigo da Pousada das Ánimas a quen o seu dono quixo render homenaxe. Neste caso trátase dunha figura de bronce nunha postura ben recoñecible do artista: de pé e co puño en alto, acompañado pola súa guitarra e o seu amplificador. O autor da peza é o artesán de Ponteareas José Rocha. 

Suso Santamaría, dono e alma da Pousada, quere que esta estatua de Narf "siga creando a ilusión que causaba el coa súa música". "Fágoo porque me unía a el unha amizade, pero tamén porque lle tiña moita devoción e admiración", explica. "Uníannos os valores. Para min era un exemplo, era un tipo que quería ir de perfil baixo, sempre quería pasar desapercibido, pero era un home de grandísimo talento". 
 

Máis en CULTURA