CONTRACULTURA

Rafa Vilar, escritor: "A idea fundamental que quería deixar con 'A penúltima estación' é que a palabra importa"

Rafa Vilar (Cee, 1968) é o autor de A penúltima estación, a obra gañadora no XVIII Certame de Relatos da Sociedade Liceo de Noia e na que aborda distintas reflexións sobre a morte e o amor a través das historias de dúas mulleres, cada unha da súa xeración, que se atopan nun punto de inflexión das súas vidas.
O escritor Rafa Vilar, na súa biblioteca persoal (Foto: Nós Diario).
photo_camera O escritor Rafa Vilar, na súa biblioteca persoal (Foto: Nós Diario).

Como xurdiu o relato A penúltima estación?
Sempre digo que cando fago narrativa síntome como se estivese practicando unha sorte de furtivismo. Levo máis de 30 anos escribindo e publicando poesía. As cousas que teño de narrativa son pequenas, fundamentalmente microrrelatos, mais de vez en cando éntranme estas ganas de facelo. A penúltima estación en concreto parte dunha situación totalmente inventada na que unha muller viaxa en tren coas cinzas do seu home nas mans. Esta muller, de mediana idade, vai reflexionando sobre a súa vida, a morte e o amor. Nunha estación sobe ao tren unha rapaza nova que se ve que emocionalmente está pasando por un mal momento e pouco a pouco imos descubrindo os problemas que ten na relación coa súa moza. Así, estabelécese un diálogo entre elas. Á hora de escribir o relato interesábame esa reflexión entre dúas xeracións de mulleres e ver o contraste que hai nas súas maneiras de ver a vida de maneira profunda, non tanto en cuestións superficiais. No fondo, o que se estabelece é unha situación de empatía e sororidade.

Precisamente, é doado percibir as diferenzas entre xeracións no tratamento que se lle dá á morte. 
Totalmente. E no amor tamén. É certo que ao ser un relato curto non hai un espazo para grandes diálogos, polo que hai cousas que en vez de dicirse, quedan veladas. Con todo, si se entende que a pesar das diferenzas que poida haber existe unha corrente de empatía e de sororidade ante situacións da vida que son complexas e, aínda así, comúns, como poden ser unha ruptura amorosa ou a perda dun ser querido. Mais a cousa non queda aí. Entre estas dúas mulleres hai 30 anos de diferenza. A personaxe da rapaza, durante a primeira parte da viaxe, non fala porque vai atenta ao móbil. Hai ese contraste porque a outra muller está mirando pola fiestra, atenta ás paisaxes que se suceden. 

Ese salto ou barreira tecnolóxica era unha das ideas fundamentais que quería transmitir?
Ao final é evidente que estamos ante unha auténtica revolución tecnolóxica e isto inflúe moito na atención, na forma de comportarse, e quería que se vise reflectido no relato, porque tampouco sabemos onde vai acabar todo isto. 

Haberá xente que estea, tecnoloxicamente falando, á última, e outra que quedará un pouco máis atrás. E xa é algo que estamos vendo. Se hai unha idea fundamental que quería deixar con este relato é que a palabra importa. 

Ao final conseguen falar e estabelecer unha boa comunicación, sendo persoas que non se coñecían, de xeracións diferentes e cada unha co seu conflito particular. É a través da palabra como conseguen estabelecer esa empatía e esa relación. 

Ten algún outro proxecto no horizonte?
Sempre teño ideas na cabeza e ando escribindo cousiñas. Aínda así, polo momento, non hai nada totalmente definido nin que saiba seguro se vai acabar nun libro ou que forma acabará tendo. 

Sigo facendo algúns microrrelatos, sobre todo como exercicio literario para manter a mente esperta, e tamén escribo poemas soltos. Publiquei un poemario o ano pasado, Os lugares da memoria (PEN Galicia), e polo momento non estou traballando noutro. Digamos que estou aproveitando para ler e enriquecer toda a parte que hai detrás de cada obra. 

Comentarios