Eurovisión

O representante dos Países Baixos é expulsado de Eurovisión por unha suposta "intimidación"

A delegación neerlandesa cualificou de "desproporcionada" a decisión.
Joost Klein representaba os Países Baixos en Eurovisión (Foto: Jens Büttner / DPA vía Europa Press).
photo_camera Joost Klein representaba os Países Baixos en Eurovisión (Foto: Jens Büttner / DPA vía Europa Press).

O representante dos Países Baixos no festival de Eurovisión, Joost Klein, non participará na final do certame musical que terá lugar este sábado despois dun altercado do que se descoñecen até o de agora os detalles.

Unha representante do equipo de produción denunciou un intento de "intimidación" por parte Klein, nun comportamento que foi cualificado de "non apropiado" por parte da organización. En paralelo, a delegación neerlandesa cualificou de "desproporcionada" a decisión.

Os feitos tiveron lugar a quinta feira despois das actuacións das semifinais. Con esta información, a organización fecha as especulacións de que a expulsión puidese ter relación cun incidente con outra delegación, nomeadamente coa de Israel.

O acontecido na rolda de prensa de Israel

Estas especulacións chegaron despois de que un xornalista polaco preguntase á artista israelí, Eden Golan, pola súa responsabilidade no maior nivel de alerta terrorista que vivía Malmö: "Ao estar aquí, es un risco para a seguridade e un perigo para todos! Non che importa?".

Ante esta cuestión, o moderador da rolda de prensa sinalou a Golan que, se non quería, non tiña por que respondela. "Por que non?", interveu entón en voz alta o representante neerlandés, nun episodio que rapidamente foi viral en redes.

Finalmente a cantante respondeu a pregunta do xornalista: "Creo que todos estamos aquí por unha razón e tamén que a UER tomou todas as precaucións para que isto sexa seguro para todos".

Comentarios