A Selic visita o tempo confinado na voz poética de Fernández Naval e Eva Veiga

O Festival da Lectura SELIC acolleu esta terza feira a presentación de A noite das cebolas, a última novela de Rosa Aneiros. Alén dun novo paseo arredor dos Misterios das Gárgolas, a carpa acolleu a presentación do último libro de Rosendo Cid e un recital de Eva Veiga e F. X. Fernández Naval.

Fernández Naval e Eva Veiga, esta segunda feira na Selic de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fernández Naval e Eva Veiga, esta segunda feira na Selic de Compostela. (Foto: Selic)

O Festival da Lectura SELIC acolleu esta terza feira a presentación de A noite das cebolas, a última novela de Rosa Aneiros. Alén dun novo paseo arredor dos Misterios das Gárgolas, a carpa acolleu a presentación do último libro de Rosendo Cid e un recital de Eva Veiga e F. X. Fernández Naval.

A SELIC comezou esta terza feira cunha nova oportunidade para coñecer Compostela desde outra óptica: a do plano contrapicado. Guiado por Benxamín Vázquez, autor do libro Gárgolas de Compostela, ás 16.30 horas saiu do posto de Alvarellos un paseo que percorreu a cidade coa cabeza apuntando cara arriba, para devolver a ollada ás gárgolas que fitan a cidade desde as alturas.

Ás 16 horas, tivo lugar o encontro do alumnado do IES de Brión coa debuxante Xulia Pisón. Posteriormente, ás 18 horas, o artista Rosendo Cid presentou no escenario o seu novo libro, O señor H, en compaña do editor, Carlos Meixide (Rodolfo e Priscila). Cun protagonista mudo como a letra que o define, por causas tan descoñecidas como intrigantes, o artista e escritor ourensán mestura textos sobre a escrita e a creación con ilustracións propias.

Tamén ás 18 horas, pero no posto da Libraría Uróboros, o escritor Perfecto Souto, asinou exemplares do seu libro Clarisa.

Rosa Aneiros monda a cebola na SELIC

O acto central do día permitiu ás asistentes á feira entrar na narrativa de Rosa Aneiros. En conversa coa tamén escritora e xornalista Eva Mejuto, Aneiros debullou a súa última novela, publicada en Xerais, A noite das cebolas.

A protagonista desta obra afronta o cancro e a morte dun ser querido refuxiándose nun faro, onde a golpeará toda a potencia do inesperado. Escrita co inconfundíbel pouso de lirismo que lle valeu á autora o Premio Xerais por Sol de Inverno, trátase dunha novela optimista sobre unha muller que atopa, onde menos o agarda, un motivo e un motor para vivir intensamente até o final.

A xornada desta terza feira fechou co Fragor do urdido, un recital no que F. X. Fernández Naval e Eva Veiga, dúas das voces mellor consideradas da poesía galega, se uniron para falar dun tempo confinado, o da pandemia.

Fernández Naval e Veiga trouxeron a Compostela unha escolma dos cincuenta poemas que, sen ningunha marca de autoría, alían verbas neste poemario homónimo, editado por Belagua, para dar conta da avinza entre o que se vive e o impredicíbel.

Máis en CULTURA
Comentarios