Si, pode soar estraño, mesmo pode que se teñan dúbidas acerca da veracidade desta afirmación. Mais, en efecto, Rosalía de Castro, a Catedral de Santiago e o Celta de Vigo apareceron en varias ocasións nos cómics de Batman.
A coñecida franquía de banda deseñada que foi levada ao cinema é moi coñecida en todo o mundo e o famoso súper heroe, o "home morcego", é un dos máis recoñecidos da historia do xénero.
É por iso que se revela un tanto incomprensíbel como elementos da cultura galega foron acabar nesta banda deseñada estadounidense.
![A catedral de Santiago (Foto: @Asier1100).](/media/nosdiario/images/2023/01/28/2023012811430911107.jpg)
As imaxes foron compartidas na rede social Twitter polo ususario Asier Lorenzo (@Asier1100) que efectivamente sinalou a existencia destes coñecidos elementos galegos na famosa banda deseñada.
Segundo o propio Asier Lorenzo apuntou na rede social, as imaxes corresponden ao cómic Flashpoint Beyond #6 (publicado en 2022).
Mais este usuario de Twitter non finalizou a súa pesquisa aí, Lorenzo tamén fixo saber quen foi o artífice de que Rosalía, a Catedral de Santiago ou o Celta aparecesen nos debuxos.
![O Celta de Vigo e o Castro de Santa Trega mencionados no cómic (Foto: @Asier1100).](/media/nosdiario/images/2023/01/28/2023012811434131807.jpg)
Trátase do debuxante galego, coñecido polo seu nome de usuario en Twitter @xermanico que, ao ver as evidencias recoñeceu “pillástesme completamente”.
Hai máis referencias á Galiza?
O debuxante quixo profundar máis no tema e deixou un pequeno reto para aquelas persoas que tiveren interese en continuar a indagar: “Douvos unha pista, non é o único cómic no cal metín referencias dese tipo”.
“Non metín a Mostovoi salvando o planeta porque non me deixarían”, acrecentou o debuxante.
![Un detalle de Rosalía de Castro no cómic (Foto: @Asier1100).](/media/nosdiario/images/2023/01/28/2023012811443553289.jpg)
Agora fica nas mans do público encontrar esas referencias.