O 'Ulysses' de Joyce volve pasear por Lugo con poesía e gastronomía

Cadrando co centenario da obra central do modernismo literario Ulysses, de James Joyce, o programa da Unión Europea Ulysses European Odissey puxo en marcha unha iniciativa itinerante por 18 cidades europeas nas que se interpretan episodios do libro.
James Joyce.
photo_camera James Joyce.

Do 16 ao 18 de maio a Fundación Uxío Novoneyra celebrará en Lugo a segunda edición de "Ulises pasea por Lugo". Cadrando co centenario da obra central do modernismo literario Ulysses, de James Joyce, o programa da Unión Europea Ulysses European Odissey puxo en marcha unha iniciativa itinerante por 18 cidades europeas nas que se interpretan episodios do libro. Lugo celebrou en 2023 a primeira edición deste programa so a lenda "Ulises pasea por Lugo" no que se levou a escena, desde un punto de vista multidisciplinar, o Capítulo VIII, Lestrigóns, baseado na comida.

A edición de 2024 arrincará a mañá do 16 no Mercado de Abastos, coa reconstrución sonora deste espazo hai un século a cargo da Fundación Legar, de Xavier Blanco e Martina Ferradáns. Logo, o poeta Antom Fortes, do colectivo Lupercais, dará un brinde poético antes do primeiro faladoiro, ás 17 horas, no Vello Cárcere.

A escritora María Sánchez, o gastrónomo Jorge Guitián e os produtores Adrián Lago (Queixos do Castelo) e Román Sánchez (Cooperativa A Carqueixa) analizarán os puntos de encontro entre literatura, gastronomía, arte e identidade.

Nese mesmo espazo, ás 18 horas, no segundo faladoiro, "Homenaxe Ánxel Fole: De Yunque a Historias que ninguén cre” os escritores Constantino Bértolo, Branca Novoneyra e Claudio Rodríguez Fer, e o editor Juan Soto, analizarán a figura literaria e xornalística de Ánxel Fole. O poeta Lois Pérez será o encargado de pórlle o ramo a esta xornada cun brinde poético.

A xornada do día 17 terá lugar en sesión de tarde. Ás 17:30, no Vello Cárcere, no faladoiro "Galicia e Irlanda: Do celtismo á recepción do Ulises na literatura actual", os escritores Marilar Aleixandre e Felipe Senén debullarán, canda o dramaturgo Eusebio Lázaro, a influencia do Ulises na literatura actual. O poeta Xerardo Quintiá será o encargado do brinde poético  e a banda Radio Océano fechará a xornada cun concerto no Mercado de Abastos a partir das 22 horas.

O sábado 18, ás 11 horas, no Pazo de Orbán, a guía Lidia de la Fuente (Camiños con Arte) fará unha ruta polo Lugo de Fole. Ás 12 horas terá lugar unha lectura foleana onda a estatua do autor de Á lus do candil situada na traseira do Concello. Ás 13 horas, o Clube de Lectura Lugo fará unha lectura do Capítulo VIII do Ulises, Lestrigóns, no Portón do Recanto e, ao remate, a escritora luguesa Marica Campo recitará o seu brinde poético.

O programa rematará ás 20:30 horas no Auditorio Municipal coa peza de danza Afectos, a cargo de Kirenia Acosta.

Comentarios