Unha xornada para recuperar a memoria documental do feminismo

Dar pasos adiante no arquivo e a difusión da documentación da historia do feminismo. Este é o obxectivo da xornada “Xénero e documentación: A recuperación da memoria do movemento feminista” que terá lugar o día 27 de xuño no Consello da Cultura Galega, organizada pola Comisión de Igualdade.

Achegar a persoas vinculadas a arquivos, centros de documentación e bibliotecas as ferramentas para a recuperación, conservación e difusión da documentación das organizacións de mulleres e do feminismo é unha das liñas de traballo que desenvolve a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e que toma corpo na xornada “Xénero e documentación: A recuperación da memoria do movemento feminista” que ten lugar o día 27 desde as 10 da mañá. A coordinación da xornada corre a cargo de Carmen Pérez Pais e Mariam Mariño Costales.

A experiencia do Centro Documental da Memoria Histórica a través da intervención de Mª José Turrión, a experiencia do centro de Documentación de Mulleres Maite Albiz de Bilbo por parte de María José Sola ou a recuperación das fontes de información do Movemento Feministas en Euskal Herria desde a perspectiva de Rosa María Andrieu Sanz serán tres das iniciativas ás que se achegará o seminario.

A recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado na Galiza será obxecto da primeira intervención da tarde na que se dará conta do labor desenvolvido pola propia Comisión de Igualdade. Carmen Pérez Pais e Mariam Mariño encargaranse de explicar esta iniciativa e o estado do arquivo documental do feminismo galego nunha xornada que se pechará co debate aberto “Reflexionar sobre o feito, construír futuro” coordinado por Mª Xosé Agra. O programa pódese consultar aquí. 

Máis en CULTURA
Comentarios