Tras o paro motivado pola situación de emerxencia sanitaria, o sábado 9 de xullo regresa o Convivio da Cultura Galega á carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei.
Organizada pola federación de asociacións culturais Galiza Cultura e pola Casa Museo Manuel María, coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo, a xornada arrancará ás 11.30 horas diante da Casa de Hortas, onde naceu Manuel María. Acompañará as persoas presentes a música de Birloque Gaiteiros.
Ás 11.45 prevese a saída á pé á carballeira de Santa Isabel, previa parada no cemiterio de Outeiro de Rei para realizar a ofrenda floral ao escritor finado en 2004. Ás 12.30, comezará a actuación da banda de música Sons e Soños, de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, dirixida por Armando Morales e acompañada da voz de Uxía.
Após o xantar de confraternidade, será a quenda da foliada, da que participarán os grupos Parabéns, Xurxo Souto e Richi Casás, Tradivivas Agra, Birloque Gaiteiros, Arinhos do Fiouco e Foliadeir@s do Castro. Unha festa que será conducida por Xurxo Souto.
Ao igual que en anos anteriores, as directivas das entidades pertencentes á federación reuniranse ás 12.15 horas para facer balance do ano e para marcar as liñas de actuación comúns para o seguinte exercicio. O punto de encontro será a Casa-Museo.
A romaría de Santa Isabel na claridade / eslumeante do ardoroso xullo, / antes de comezar a dureza / e a ledicia da seitura, conmovíame / dun xeito sutil e imperceptíbel. / A música das bandas mesturábase / co lento e xordo salmodiar do Miño... escribira Manuel María, quen múltiples veces referenciou e cantou a ese espazo natural, á beira do Miño.
Carballeira e romaría volven darse a man nesta xornada de amizade e compañeirismo de carácter galego e popular. Nove edicións despois, a traxectoria do convivio amosou que hai necesidade dunha celebración como esta, tan próxima a Manuel María, cos pés na cultura de base.