Volta 'A Formiga no Carreiro', a revista de pasatempos en galego

Á venda desde o 15 de xuño nos quiosques.
Detalle da nova capa da Formiga no Carreiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalle da nova capa da Formiga no Carreiro (Foto: Nós Diario).

Seguindo a liña de números anteriores, sae o número 4 dunha revista que pretende axudar a afortalar as capacidades cerebrais básicas, isto é: atención, cálculo, lóxica, linguaxe, orientación e memoria. De aí o subtítulo "para cerebros que aformigan".

Ao longo de 48 páxinas, A Formiga no carreiro convértese en guía excepcional para unha revista tamén excepcional, por pouco habitual, no noso panorama editorial. Unha revista de pasatempos e lecer que combina os xogos de palabras cos numéricos, de atención e de lóxica, e todo centrado na contorna máis próxima tanto xeográfica como cultural e coa lingua como elemento cohesionador.

Unha revista que normaliza o galego nun espazo no que non soe estar e normaliza nese mesmo espazo, o das revistas de pasatempos, a nosa cultura. O tema deste número é o das viaxes e ferias de verán, comezando cun zume de froita do tempo antes de entrar no labirinto do Pazo de Tor ou facer, a formiga, un percorrido por cidades e vilas de Portugal, viaxar ao Brasil ou facer paseos a cabalo.

Son 81 unidades de pasatempo que van desde os labirintos aos encrucillados e outros crebacabezas lóxicos -aqueles que poden ser resoltos por calquera, sen ningún coñecemento previo, só empregando a lóxica na súa resolución-.

Os sudokus son un exemplo, pero hai moitos máis. Como novidade presenta un novo pasatempo, 'Sementaletras', que consiste en, dada unha serie de letras, combinalas adecuadamente para obter palabras válidas sen deixar fóra ningunha letra. 

Agasallo a asinantes

A revista vai destinada a todo tipo de públicos, non sendo necesario estar familiarizado con este tipo de entretemento xa que a aprendizaxe forma parte forma parte do propio xogo. 

Entrégase o 15 de xuño de balde ás persoas asinantes de Nós Diario e véndese ao prezo de 1,80 euros nos quiosques.

Comentarios