París 2024 | Skateboarding

O deporte da rúa toma a praza da Revolución e Horigome é proclamado novo rei do skate: un día na capital do urbano

O skater xaponés venceu tirando de épica na axustada final de 'street'. Así vivimos desde o estadio da emblemática praza da Concordia de París a gran festa do skateboarding.
O skater xaponés Yuto Horigome, esta segunda feira. (Foto: Sina Schuldt / DPA vía Europa Press)
photo_camera O skater xaponés Yuto Horigome, esta segunda feira. (Foto: Sina Schuldt / DPA vía Europa Press)

Pola megafonía soa Hey Ya!, de Outkast, mentres os atletas, ataviados con gorras e cadeas de ouro, fan todo tipo de manobras cos seus monopatíns sobre as ramplas, escaleiras e pasamáns que hai no centro do recinto. Podería ser unha de tantas películas estadounidenses para adolescentes de comezos de século, pero é unha competición oficial con medallas olímpicas en xogo. A cita olímpica de Toquio foi pioneira ao incluír o skateboarding no seu amplo catálogo deportivo, e o seu éxito, sobre todo entre as xeracións máis novas blindou a súa continuidade en París; desta volta, superada a pandemia, con público.

Cando entramos neste estadio non semella que esteamos a presenciar unha proba dos Xogos Olímpicos, pois a escena ben podería ser a duns rapaces de calquera cidade galega quedando no parque despois do instituto para fardar dos últimos trucos aprendidos co skate. Pero estamos nada menos que na praza da Concordia, coñecida tamén como a da Revolución Francesa, un dos lugares máis emblemáticos de París.

Aquí foi executado en 1793 o rei Luís XVI. E esta segunda feira, 231 anos despois daquel acontecemento que mudou para sempre a historia de Francia, Yuto Horigome foi coroado como o mellor skater do mundo. O rei morreu, viva o rei.

Non tivo fortuna esta segunda feira o arxentino Matías Dell Olio, que caeu en todas e cada unha das súas quendas cando intentou facer un truco que só lle saíu na derradeira tentativa, sen opcións xa de evitar a última posición nesta gran final.

A quen si acompañou a sorte foi ao xaponés Yuto Horigome, que empezou frouxo nas dúas carreiras, fixo logo o truco mellor puntuado de todos na primeira tentativa, errou os tres seguintes... e clavouno no último, sobre a bucina, para arrebatarlle o ouro ao estadounidense Jagger Eaton. O estadio enmudeceu cando Horigome despegou as rodas do chan e viuse abaixo cando aterrou como o faría o mesmísimo Tony Hawk.

*LE A CRÓNICA COMPLETA NO 'NÓS DIARIO' DESTA TERZA FEIRA, 30 DE XULLO

Comentarios