A axencia S&P Global alerta dos riscos da OPA do BBVA "polo tamaño dos bancos"

Carlos Cuerpo traslada a súa preocupación ao Banco Central Europeo.
Sede do banco BBVA en Madrid (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).
photo_camera Sede do banco BBVA en Madrid (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).

A axencia de cualificación crediticia S&P Global alertou esta segunda feira de que a oferta pública de adquisición (OPA) hostil que BBVA lanzou ao Banco Sabadell ten riscos de execución como en calquera adquisición, aínda que neste caso son "potencialmente superiores polo tamaño de ambas as dúas entidades, o carácter non pactado e a falta de apoio institucional indicado polos membros do Goberno español", segundo o informe. 

Preocupa no Ministerio

Por outra parte, nunha reunión bilateral, o ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, trasladou á presidenta do consello de supervisión do Banco Central Europeo (BCE), Claudia Buch, as súas "preocupacións" pola OPA hostil do BBVA.

Confirmouno Cuerpo en declaracións aos medios á súa chegada á reunión de ministros de Economía da eurozona que se celebrou esta segunda feira en Bruxelas. “Comentei estas preocupacións sobre o impacto en materia de concentración e, polo tanto, o posíbel efecto prexudicial en materia de competencia que podería ter esta operación”, apuntou.

O ministro advertiu de que o Goberno español terá a "última palabra para autorizar" a operación, aínda que "agora mesmo" non lle corresponde ao Executivo "dar pasos".

Desde o BBVA, pola contra, afirman que non lles preocupa que a denuncia do Sabadell ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) afecte a OPA que lanzou.

A entidade que preside Carlos Torres leva desde a sexta feira  analizando a comunicación que o Banco Sabadell á CNMV e e cren que o que buscaría o Sabadell non é tanto paralizar a OPA como que BBVA dea información dos accionistas relevantes para achegar "unha información completa".

Comentarios