Vivenda

O BOE publica o acordo para prorrogar a suspensión de desafiuzamentos até 2028

A medida procede do chamado 'escudo social' da pandemia e veuse ampliando periodicamente cos decretos 'anticrise'.
Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
photo_camera Bloque de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta cuarta feira o acordo para prorrogar catro anos máis, até o ano 2028, a suspensión de desafiuzamentos da vivenda habitual, que se acordou tramitar como proxecto de lei no Congreso, abrindo a porta así a introducir posíbeis mudanzas no texto.

Desta maneira, o BOE recolle o Acordo de validación da Real Decreto lei 1/2024, do 14 de maio, para prorrogar as medidas de suspensión de lanzamentos sobre a vivenda habitual para a protección dos colectivos vulnerábeis, un acordo alcanzado o pasado 13 de xuño no Congreso dos Deputados.

A medida procede do chamado 'escudo social' da pandemia e veuse ampliando periodicamente cos decretos 'anticrise'. Esta última prórroga, que se estenderá até o 15 de maio de 2028 e que afecta supostos de "especial vulnerabilidade", foi aprobada polo Consello de Ministros un día antes de que caducase, para a súa entrada en vigor con urxencia.

A ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, defendeu o texto desde a tribuna do Congreso o pasado 13 de xuño. Na súa intervención, explicou que a medida que aproba o decreto é necesaria nun escenario de incerteza sobre uns tipos de xuro que poden encarecer o prezo da hipoteca.

"O futuro segue sendo incerto, como recoñece o propio Banco Central Europeo cando sinala que non pode comprometerse de antemán a ningunha senda concreta de tipos", indicou Rodríguez.

Neste sentido, a titular de Vivenda indicou que era necesario prorrogar a suspensión dos desafiuzamentos para evitar posíbeis situacións de exclusión social de persoas que podían verse abocadas a perder a súa vivenda se non poden afrontar a suba da hipoteca.

Comentarios