FENDA SALARIAL

Conselleiros e administradores de empresas aumentaron en máis de 60% as súas remuneracións durante a crise

A fenda salarial alargouse na última década. Os salarios máis baixos caeron en 23 por cento. 

directivos executivos sala reunións foto de indumuebles
photo_camera dImaxe: indumuebles

Debullar os resultados da campaña do IRPF fornece de datos que permiten comprobar como cifras, porcentaxes e estatísticas botan luz de maneira concreta sobre os cambios e variacións que aconteceron ao longo destes anos entre os diferentes sectores de persoas contribuíntes. Así, e por poñer dous dos exemplos que extrae o xornalista económico Jaume Viñas, a masa salarial apenas variou entre 2006 e 2016. Os salarios declarados en 2016 estiveron nos 250.000 millóns de euros, o que supón 0,6% máis que unha década antes. Porén, onde sei houbo variación foi nas retribucións e remuneracións de conselleiros e administradores de empresas, que en 2016 superaron os 2.700 millóns de euros. Nada máis e nada menos que un 68% máis que en 2006.

Dados que se veñen a sumar aos recollidos en diferentes estudos e informes. Como de que en 2006 a renda dos salarios máis ricos era 10 veces superior á do segmento máis pobre mentres agora esa diferenza xa non é 10, senón 15 veces superior. Aumentou en 50% en menos de dez anos. ('Baixan os salarios, medra a desigualdade', de Oxfam).

Nestes anos de crise os salarios máis altos – aqueles que de promedio superan os 5.628 euros mensuais- apenas variaron. Os salarios medios, baixaron en 6,1%. E os salarios máis baixos, que cada vez son os que cobran maiores segmentos dos asalariados,  28%. Máis dun cuarto do soldo, xa de por si baixo, desapareceu durante a crise nese segmento. Un exemplo da desigualdade: un directivo das empresas do IBEX35 necesita traballar só 15 días para gañar o mesmo que un dos seus empregados durante todo o ano. Estes directivos, de media, teñen uns ingresos que son superiores 96 veces aos dos asalariados das súas firmas.

Un informe de Comisións Obreiras elaborado polos economistas Carlos Martín, Luis Zarapuz e José Manuel Lago confirmaba que a fenda salarial entre os empregados que máis gañan e os que menos aumentou durante a crise “e fíxoo con forza”. “As ganancias medias dos traballadores que menos cobran, que xa eran reducidas antes da crise, baixaron aínda máis; mentres que os salarios altos seguiron a aumentar”. 

Comentarios