Alfonso Mouzo

“Feijóo ten que aclarar xa con quen está: ou con Villar-Mir ou cos traballadores de Ferroatlántica”

Alfonso Mouzo, voceiro do comité de empresa de Ferroatlántica, non ten dúbida de que o plan industrial proposto pola empresa e avalado en Madrid polos sindicatos estatais supón a venda das hidroeléctricas. “Iso é a fin para a Costa da Morte”, reitera, ao tempo que lamenta que “compañeiros” de “Madrid, Santander ou Huesca” decidan “sobre o noso”.  

ferroatlántica comité concentración Imaxe CIG
photo_camera Imaxe CIG

- Viades vir este escenario, un escenario no que a empresa sacase adiante o plan industrial – que implicaría a venda das hidroeléctricas- co apoio dalgúns sindicatos?

- Viámolo vir, si. A empresa usa os sindicatos estatais para avalar o seu plan. De feito, os compañeiros de CCOO e UXT no comité de empresa de Cee, Dumbría e centrais xa renunciaron aos seus sindicatos. Nós, o comité, non avalamos nada e mantémonos na mesma postura, e pedimos ao conselleiro de Industria que nos reciba dunha vez porque o que está pasando merece esa xuntanza. A Xunta ten que parar este acordo ilegal, nós non o consideramos lexítimo. Que xente de Santander, Madrid ou Huesca negocien con cousas que son da Costa da Morte, dos galegos, que nos afectan a nós, é un auténtico espolio. Iso non se pode consentir.

- A pelota está agora, máis ca nunca, no tellado da Xunta

- Veremos de que lado se pon o que é o presidente de Galiza, que se ten que posicionar xa: ou do lado de Villar Mir ou do lado dos traballadores galegos. Con que non lle cambien a concesión xa está, non fai falta máis, a empresa non pode segregar, iso dío moi claro na concesión. O que procura a empresa é que lla cambien, que esa concesión xa non sexa de interese público. Mais se retiran iso, isto acaba mal, porque o que presenta a empresa non é un plan industrial, é un plan de desmantelamento.

- Insistides moito en negar que a solución pase por esa proposta de plan industrial...

- O único que quere facer é tapar os buratos que ten en OHL.

- Ferroglobe teima e insiste en que o plan industrial é a única vía de viabilidade futura, e agora ten o apoio de catro sindicatos

- A empresa, cinco días antes das eleccións galegas, anunciou a construción dunha fábrica de silicio solar en Sabón. Daquela non se falaba das centrais, as hidroeléctricas non estaban para nada riba da mesa. Por que agora si? Que cumpra os seus compromisos. A empresa prometeu construír en Dumbría un forno, o chamado Forno 23, xa en 1999 e seguimos a esperar por el. Non o fixo pero ben que foi mercar unha fábrica en Venezuela. Todos os recursos que se xeraron aquí, nas nosas centrais, van para outros intereses do grupo. Un exemplo é o da Torre Espacio [o cuarto rañaceos máis alto do estado], en Madrid, que foi avalada cos beneficios das centrais. Pero agora dinnos que hai que vender as centrais, que non dan cartos. Se non dan cartos, se dan só 2 millóns como eles din... quen lles ía facer unha oferta por 255 millóns? Son parvos os compradores?

Eles o que queren é que se lles permita segregar para poder vender as fábricas, que agora non poden polas condicións da concesión. Entón o que fan é presentar un plan industrial para poder segregar. Se o conseguen, isto na Costa da Morte dura dous telediarios.

- Como sentou que compañeiros doutras partes si desen o visto bo ao plan industrial? Por que credes que o fixeron? 

- A empresa empregou as súas armas, presionou a base de chantaxes. Non nos sentou ben, claro. A nosa casa non a terían porque vender outros.

- E esta noticia como cae na veciñanza, que vos leva apoiando todos estes meses nas mobilizacións? Ides poñervos en contacto cos concellos?

- Queremos ter unha xuntanza canto antes cos alcaldes da Costa da Morte. O pasado 10 de marzo a veciñanza amosou alto e claro o seu apoio. Máis de 7.000 persoas na manifestación de Cee. Son sete mil persoas que mandaron unha mensaxe moi clariña ao presidente da Xunta. Non sei a que espera Feijóo para deixar ben claro que non vai permitir a desautorización. Está moi caladiño. 

Comentarios