Fondos de investimento internacionais poñen os ollos no negocio da peaxe en Galiza

Globalvia, en mans de fondos de pensións de Holanda, Reino Unido e Canadá, quere entrar na AP9. Controla xa a autoestrada Compostela-Ourense.

Globalvia ten 18 autoestradas, 8 ferrocarrís e un porto repartidos por diferentes países. Un imperio do que fai parte a austoestrada que une Compostela e Ourense e ao que Globalvia quer sumar agora a AP9, coñecedora dos bos rendementos económicos que deita a principal vía de comunicación galega, de pago obrigatorio para usuarios. A facturación en 2015 superou os 134 millóns de euros.

Globalvia, segundo adiantou Expansión, fixo unha oferta para se facer co control do 45% que controla Itinere, o socio 'minoritario' da Autoestrada do Atlántico, cun 54% en mans do fondo norteamericano Corsair Capital. Fontes coñecedoras da operación falan duns mil millóns de euros sobre a mesa, para alén de asumir a débeda de Itinere, que estaría nos 3.000 millóns de euros. As principais entidades implicadas en Itinere son Abanca, Sacyr e Liberbank, e ningunha vería con malos ollos vender. A entidade adquirida por Banesco ingresaría por volta de 240 millóns de euros con esta operación.

Globalvia era a compañía de concesións de FCC e Bankia e foi vendida por uns 410 millóns de euros, ficando en mans de tres fondos de investimento: USS, OPTrtust e PGGM. 

Comentarios